O Concello e as familias dos mariñeiros falecidos no “Villa de Pitanxo” organizan este sábado un acto de homenaxe para lembrar sempre a súa memoria, como xa se fixo noutros municipios. A iniciativa, que será ás 12.00 horas no Peirao de Attilio, na zona de Pescadoira, contempla a descuberta dunha placa cos nomes de todos os mariñeiros do barco afundido hai máis dun ano en augas de Terranova.
A placa, dunhas dimensións de 1 metro de alto por 60 centímetros de largo, irá colocada nunha pedra encargada para a ocasión. A localización foi elixida pola familia de Fernando Santomé Ferradás, veciño de Bueu que ía a bordo do “Villa de Pitanxo”.
O acto tamén contará cunha ofrenda floral a cargo das familias, a actuación de algúns integrantes da Banda de Música Artística de Bueu e intervencións de representantes das familias así como do alcalde.