InicioSOCIEDADEBea Sotelo inaugura as xornadas gastronómicas que recoñecen ás cociñeiras da vila

Bea Sotelo inaugura as xornadas gastronómicas que recoñecen ás cociñeiras da vila

Publicado o

“E seguiremos facéndoo”. Esa foi a resposta de Bea Sotelo ante a homenaxe que recibiu esta mañá no Salón de Plenos polo seu labor na visibilidade do traballo das mulleres na cociña. A cociñeira foi a encargada de abrir esta mañá as “Xornadas Gastronómicas en Feminino”, coas que o Concello, Fecimo e Asociación de Hostalaría queren reivindicar o papel das mulleres cociñeiras este 8M.

Sotelo comezou recordando o seus inicios nos fogóns do restaurante A Centoleira e agradeceu a iniciativa. “É importante destacar o labor das mulleres non só na cociña, senón en todos os ámbitos”, afirmou Sotelo, que agora se dedica á cociña e á formación neste ámbito.

Para simbolizar o inicio da ruta gastronómica, Sotelo e o seu axudante realizaron en directo dous petiscos. Para o primeiro deles empregou un produto local, un xurelo comprado na propia Praza de Abastos da vila, e que marinou e acompañou con encurtidos. O punto doce chegou na segunda “tapa”, unha tarta de améndoa con esferas de mandarina e praliné de froitos secos.

No acto tamén participaron a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, e a concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero. Amabas coincidiron en sinalar a importancia deste proxecto e en reivindicar o papel da muller en todos os ámbitos. O rexedor, Félix Juncal, quixo recordar a “todas as mulleres, ás nosas nais e avoas, que nos transmitiron unha forma de ser e de sentir que hoxe reivindicamos”.

Pola súa parte, desde a Asociación de Hostalaría, Antonio Rosales, lembrou como xurdiu a iniciativa, coa meta de visibilizar ás mulleres cociñeiras, que forman parte do 80% das cociñas. “Era de xustiza poñer diante ás mulleres da hostalaría de Bueu”, concluíu. O acto pechouse coa entrega, por parte do Concello, dunha figura de Rosalía de Castro á homenaxeada, Beatriz Sotelo.

Os locais que participan nesta edición son Buena Vibra, Casa Benito, Noite Tapas, O
Ratiño Pequeno, La Zarzamora, Pyramis, Vinoteca A Cepa, A Centoleira, Esmorga,
Aturuxo Bar, Morriña, Restaurante Casa Quintela e O Farol, que ofrecerán tanto ao
mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu
coñecemento da cociña de Bea Sotelo.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...