Un artigo de Antonio Piñeiro
Até nontronte malviviamos coa asunción de que no infradotado concello de Bueu non se pitaba, polo visto máis ben se debía asubiar. Hoxe temos evidencias contrastadas de os seus rexedores estaren compatibilizando o sisisí última versión cun pipipí prometedor, que aquí no Beluso consternado é ás veces detonación inquedante. Porque informados estamos de unha facción do arestora embalado executivo municipal -vilego convencido e engaiolado da tecnocracia demoledora- andar dun tempo a esta parte á procura de nos rescatar intereses parroquiais a piques de seren esquecidos.
Inusitado pulo restrinxido -daquÍ a alá poderían xurdir outros- a lugares nucleares de afluencia e influencia desiguales: por entre a Encrucillada da Ruanova e O Cristo dos Bolos uns, os outros disque por este apretado Montemogues da chufa, trintecinco anos intratable, desprogramado de modificación circulatoria, sen nin sequer emparchado enteiro e coa súa Costa do Couto infranqueable para a maioría viandante, anciás suplicantes de lle amañaren as beiradas cun banzeado suave e dun banquiño reparador con respaldo.
¿Que como se atreven estesdirixentes a tamañas audacias? Simple diario laboral abofé que arestora indisposto, afectado do mal da ansiedade súbita proveniente dun pésimo prognóstico (fundamentado) para unha xornada axexando por tras da Illa. Axenda cuns poucos apuntamentos coma ocorrenzas circunstanciales integradas nun apresurado concurso de ideas pre-electoral; encomiables de non ser polos seus incitadores, trincados do cada día máis infame Caso Coumiñán suae creationis, botaren por fóra pretendendo venderlle a unha comunidade indignadísima, doente de inoperancia institucional e das súas trolas compulsivas.
Afastados estes benfeitores do sentir dun pobo mormente escaldado, de volta e media desque antes do tan soado suceso, anoxa ter que lle ler a respecto do seu plan capcioso gavachadas exasperantes: ”… sentará las bases del Beluso del futuro”, “… la primera piedra de una transformación urbana que dará a Beluso un modelo propio, con unos estándares de calidad superiores a los de otros lugares similares” etcétera.
Con tal de rotular e sumar titulares para o seu espectáculo non se despoñen a ser mellores, agora o carro sempre diante dos bois: anuncian e publican e confirman sen primeiro acordar coa Corporación Provincial nin cos mercaderes expectantes. Da noite para a mañá un porvir avolto devenlle en presente esplendoroso. Tentean desasosegados perspectivas inconsistentes, sen preocupación nin propósito de amenda, alleos a alteracións conductuales e conflictos severos de consideración prioritaria: desapego ao Libro, desatención administrativa, semiabandono medioambiental, flagrante ladroízo do Camiño de Coumiñán* (en diante C.C.) con carraxe veciñal, desemprego, aversión e repulsa consolidadas, descompromiso, receo consensuado ou apoliticismo crítico.
Son arelas reflexo da anguria, da desesperación: non se venta reválida para a entrada do verán. Esvaece aquel Beluso do futuro perfecto, insinuado como felizmente evoluído dende a irrisoriedade de non nos íremos meter polo medio dos autos, obedecendo ao dictado de quen os ha ostentar de alta gama para complemento da súa expansión inmobiliaria.
Estariamos nada afeitos a deferencias cal serodios intentos de reconciliación, menos probable canto máis se estirare o episodio convulsivo. Contrariados compartimos no entanto esa lóxica teima en arranxar con clase a nave deportiva no Cón de Traloburgo para retornala a pavillón, iniciativa ben salubre de acabado sempre dubidoso: resulta paradoxal e mais incríbel que instalación sobranceira, tan valiosa para sumar rédito comicial, siga sen tero imprescindible letreiro adxacente, causa durante todos estes anos de usuarios forasteiros non lle teren acertado ou se atrasaren.
Comportamentos anómalos, feitizos vans secasí: sendo esta Santa María garrida moza desenganada as beiras haberíanselle facer con galanura; idilio xa que logo imposible. Emporiso serénense aqueles perspicaces fomentadores, que tampouco se está a falar doutra cousa entre os aldraxados pola canallada sen tregua do C.C., fóra de convocatorias ou convites e a quenes após lle quitaren os ollos estanlle a cagar nos buracos. Lémbrense deles resistentes, frustrados da política fallida desenvolveita por vds. coterráneos, hirmáns irrecoñecibles mudados a varóns fuxidíos, indiferentes cara ao encuberto indemne e remolóns cara ao ipso iure.
Á fin os adictos ao poder que nestes días enredan aplicados, a se velaren a incuria cun veo abstracto de mesta porla; lonxe de repararen no carácter imprevisible das súas decisións, en que as consecuencias da súa indolencia adoitan ser pavorosas, dar nun desenlace irreversible. Dormir deben dormir ben, andan soltos, distendidos en aparencia, sorrín… Nunca a alma lles vai sair pola boca.
¡Mesura, sentidiño!… Desque o agochado contencioso C.C. non se lle sostén autoridade moral, digo eu. ¿Que é o que con frialdade obsesiva están a expoñer perante uns poucos seareiros? ¿De qué van fardar os Srs. durante esta súa viaxe de pracer?: ¿de amagos revulsivos polo fusco e polo lusco a prezada Cela sometida a desleixamento?, ¿de á hora da verdade seren ágrafos?, ¿de non lle daren co xeito? A desequipa mandataria ía rumbar de qué: ¿do seu botado presidente se recoñecere en forma, lamentable estadosabendodo extenuante dun cargo prolongado exercido con adicación?, ¿de ternos el refugado sen remorso un retratiño enrriba daquel sumidoiro?, ¿de el non vacilar en se deixar eternizar imprudente gabeando sen a liana por un tellado?, ¿de ser el quen en última instancia coa súa sinatura permitíu privatizar o C.C.? ¿ou de por aquí arriba leváremos todo este tempo coas mans na cabeza?
Se alcalde vocacional que prestixie debidamente o cargo, porque chope non é. Xa que transparencia non vai haber, modestia e honestidade máximas por favor… Abominamos deste sprinte corporativo hacia maio longo (veremos se todo cuberto de rosas), que de tan precipitado lle impide aos agora atletas se decataren de que a primeira gran actuación baixo o amparo do actual Plan Xeral -magníficado, histórico- veu dar na ignominia seica infinita da “cabana”atracadorado C.C., endexamais na dun polígono (ufff!…) sen sequer desenrolar.
Mentres os damnificados pola inxustificable neglixencia e posterior implacable desconsideración -incontestables ambas- dos seus servidores públicos sobreviven inconsolables ós efectos devastadores daquela rúbrica desponderada do gobernante xefe F.Juncal.N., este e o seu ad-látere fervente admirador M.Villanueva.P. elucubran con mellorar a calidade de vida daquelas persoas usuarias dos seu proxectos “estratéxicos” de dubidosas prestacións. Execrable.
Non son de fiar, amorean descrédito a feixes. ¿“Movilidade amable”? Insolenciaindomable garantida: que miren sen delonga de habilitar canto camiño haxa e de recuperar os roubados, e pois que os camiñantes non están a ter camiños denlles pulcra a tiriña de estrada que lles pertence. Enos unha realidade calamitosa, degradante, negación practicada cunha inexorabilidade que nos subleva.
Con pouco oficio e apenas beneficio, alonxados do deseño básico, do confort e da ergonomía, estes animadores pre-campaña replican do común eslamiado -sen arte, sen melodías nin recendos certos, sen visos de romanticismo nin airexa de país- para o seu soño metropolitano, para algo que vai ser nada. Así mo agoira o visionado de senllas ilustracións mediáticas relativas, decadentes, reveladoras da inevitable levedade do ser, da vacuidade dun espazo anódino, sen escaparates, con ás voltas un ciscallo de monecos zombis algúns, que vellos non son e filósofos de seguro tampouco.
As selectas imaxes seica recreativas sobrecollen, impactan por descontemplaren unha estancia de recollemento puntual, pola ausencia dun alboio ou dun paraugas e por nos plasmar con brillo estival a perda de tempo dos nosos días, esta soidade agoniante a medrar coma o saramago segundo o despropósito avanza e o desolador panorama nos enche os ollos de xabre. Escenificacións eivadas, de seu conmovedoras, non merecentes de investimento.
O prestixioso colexo nas Veigas do Couto foinos acollendo durante a década dos setenta e polos primeiros oitenta a uns setecentos e pico escolares cada curso académico, rexistrando por embaixo das cento cincuenta matrículas no presente. O eirado fabuloso non iría congregar, apesarado lle escribo aos transformadores revolucionarios e partícipes que estamos sen xente para o seu megaquinteiro marabilloso. Non hai de concentrar. A non ser demasiado tarde intenten formalizar un ideario constitutivo de progreso social. Senón conviría que foren adiantando faena adicándose a planificar e replanificar escrupulosamente o avance diversificado do pasadomañán, cando haberían de todos vds. se remuneraren dignamente.
Benzóns aos destemidos directores deste infortunado concello por nos argallaren o alén dende a incertidume experimental. Se proseguiren cos ensaios proben a tamén dinamizar interrompéndolle reclusións e dependencias domésticas aos menos capaces, achegándolles auto-estima e facilitándolles convivencia exterior. Procedan arrincándolles uns paseíños e visitas a partires dun único obxecto, usual: un coche. Diferente: alongado e rechamante. Condúzanse coma colosos, persuádanse de que o transporte público humaniza, libera e apodenta; sufráguenlle un minibús cómodo ou un maxitaxi, de percorrido matinal contínuo por tódalas aldeas históricas -con nome- da parroquia (A Vela, A Roiba e fondos de Bon e de Sar inclusive), con polo estío parada nas areas.
Nesas datas o Cruce Os Peneques habería ser substituído pola Praza dos Peneques, un modesto pero atractivo recinto semicircular, cercado, cun amplo pousadoiro central so teito tamén estación; peonil, salvante forza maior ou aprovisionamentos cotías. Floripondios e damas da noite nas testeiras.
A loable guiñada a prol dunha estética elemental habería ser corroborada en retirando decontado eses dous caixóns plásticos sen plástica, chantados nos miolos da ilusión e que persisten en transgredir coma pegotes invasores, afeándonos inda máis a degoirada avenida até o Pé do Alto-Tralopadrón. A decidida aposta propiciaría vixianza profesional exhaustiva. Afástense do oportunismo quimérico asemade desta súa irracional predisposición ao facer por facer. Desboten contas, queiran nada deica o mundo revolto e revirado vir ao seu; aproveitemos a xeira para nos educar en virtudes. Daquela distínganse, deixen pisada, operen para transcender.
¡Ninguién!… Sóbranos de saber como traballan os peritos dese executivo, nunca defraudan. Revéntanse, acadando mesmo o rango de examinadores estrictos. E senón exemplifiquemos de entre o seu nutrido repertorio apercibíndonos do deplorable remate (comprobado como estupendo polo experto encargado, alcalde aspirante a caudillo) dunha recente execución polo desvío que dende O Labor nos deixa na Area de Bon, na súa treita entre a Costa de Domán e Vao-Agra.
Neste traxecto apremia a reactuación: o perigo de percance, antes despreciable, multiplícase exponencialmente tras dun repicheado anómalo con resultado de enfoxamento ou atrincheiramento lateral lesivo. Se a rodas váiase amodiño, guíese ben; a pé mellor non se vaia. Foron aquí actuados case oitocentos mts. liñais, tan innecesariamente que abondaba cos cincoenta da lameira polo Cornello das Viñas das Grañas, rezumando ipso facto. O ramal da Fonte da Rans desagregándose alagoado desque agosto de dousmilvinteún por mor dos incesantes desaugados sobre o vial da investigada edificación invasora do C.C., dificultando mesmo entrar e saír polos portales contíguos; anagaduras co mar secando, caídas, aquaplanings, sen que os mandamáis , multi-advertidos polas forzas da orde, respondan.
Se non hai para unha bombilla ¿por qué se malgasta e se permite estragar da maneira? Especulan farrucos cun Beluso de fantasía descontemplando actuacións capitales: os accesos á A Roxa e a todo postergado Bon (porta de entrada ao que somos) apenas salvables sen perigo inminente por careceren de beirarrúas; dende a céntrica área de presunta acometida urbanística centos de transeúntes ávidos (médicamente prescriptos, finados uns cantos) levan décadas imposibilitados de progresaren cun mínimo de seguridade até Morouzos por N. e até A Queimada por S., para se cadra conectaren coa rede comarcal de itinerarios pedestres. Con chuva porfiada do Cruceiro a Sar vai un torrente. Son retos debidos de se remontaren a cincuenta anos atrás. Humanizen si, mais sen pretenciosidade e comezando polas estradas, na parte aos peóns usurpada; promóvanlle a conciliación, un uso compartido.
¿Mexan por nós e hai que lles dicir que poalla? Humanízense vds. primeiro, como figuras de máxima representación do cabido bueués. Non fore ser que se levaren a engano: nada compensaría o prexuízo brutal infrinxidoaos incautos veciños do C.C. impedidos de paso vai para tres anos, fieles, adeptos, contribuíntes; aínda así víctimas pacíficas e irresarcibles dun exercicio de irresponsabilidade descomunal nunca explicado, con implacable afouteza desinformado, iniciado e culminado nesa Casa Consistorial.
Acó na parroquia sollosa respiramos fondo; eles precisan de xustiza, non de dádivas. Acouguen, vaian amodo: desconsintan, antepoñan os derrubes para nos reinstaurar o carreiro clausurado por particulares desentrañados coa anuencia do gobernador municipal incombustible. No devir concatenen as denuncias pertinentes e repóñanse do sobreesforzo cubrindo con intervencións firmes únicamente as necesidades reales; so así poderían competir coas opción intactas. Estes anos dos andazos e do abstencionismo sonlle aliados, nesta altura halles abastar con por fin se arremangaren a coidar agarimosos do que nos queda, a nos faceren habitable o sostible. Deseguida un descansiño…
Pasan os calendarios sen que lle adiviñemos talante a esta agrupación tan escasa de recursos, pero abaneando indecisa ela, contemporizadora ao cabo (os goles encaixados non son antolóxicos, nin tan sequera o do C.C.). Co departamento cultural -frenético no divertimento- de esguello, a rutina adoita advertirnos da súa pouquiña ecuanimidade, de seren comunicadores deficientes, de eludiren escoitas e de se abafaren na burocracia.
Compréndaseme atribulamento da maneira, esta nosa aflicíon perante a debacle, o infausto colofón do que foi un efémero limiar impecable declinado a xigantismo sen paraxe. Pecan os líderes, a eito cando omiten de xestionar esa súa como soberbia matadora. A redención non lla sinalamos. Dende esta freguesía dianteira asistimos escépticos ao seu entusiasmo, inusitado cal figuracións inverosímiles, común a unha corporación remisa a nos colmar a terra de compromiso e de amor. Fervura anacrónica, brío finxido en porén.
O aparello de goberno de Bueu non leva o barco dereito canto fai e todo non vale: a pan de millo e dúas velas si, fomos afeitos; que non hai pouco que non chegue nin moito que non se acabe. Pero de ferro non che somos: desventurados ao garete polo mar abaixo, ¡diso nadiña!… Control que non falte, úrxenos; ¡exérzano! No que nos concirne resignación ningunha: cumpran ou entréguense. Entrementres oremos.
*Patrimonial. Universal. Clausurado. Moi visitado desque foi metido para dentro por unha parella promotora, ocupación que lle permitíu acadar a superficie para a súa obra irregular, investigada (expdte. 2525/2018 cód. SIG 1398947). Aos efectos solicitado o 28-10-2018, concedido o 27-4-2020 previa rúbrica do extraordinario xerente municipal , pechado e desaparecido o 14-08-2020. Bótenlle a conta neste inverno de 2023. Semella que algúns andiveron atordados antes, durante e despois; ás minchas demasiado tempo e coa marea enchendo mentres outros artistas na allada metían a bordo sen bichero.