Tralo remate do prazo para o envío de traballos, o Concello de Bueu vén de contabilizar 71 participantes para os Premios Johan Carballeira. Concretamente, as persoas remitiron 53 poemarios e 18 traballos xornalísticos, entre os que se elixirán aos gañadores das categorías de Poesía e Xornalismo.
Desde o departamento de Cultura que dirixe Xosé Leal destacan que estas cifras demostran que o certame bueués, que naceu para homenaxear a Johan Carballeira, constitúe xa todo un referente a nivel galego, que ano tras ano mantén ou mesmo incrementa as cifras de participación.
Os traballos serán revisados as vindeiras semanas polo xurado co obxectivo de que as persoas gañadoras sexan seleccionadas entre finais de abril e comezos de maio. Os galardóns están dotados con 1.500 euros en cada categoría, ademais da publicación do poemario gañador da man de Xerais.
Na anterior edición, Miguel Sande recibiu o premio de poesía co poemario “Brinde e desespero”, mentres que na categoría de xornalismo, o galardón recaeu na reportaxe “A saúde mental en Galicia, en bragas”, asinada pola escritora Antía Yáñez e publicada na revista Luzes.