InicioSOCIEDADEBueu presenta o Entroido "máis completo" dos últimos anos

Bueu presenta o Entroido “máis completo” dos últimos anos

Publicado o

A programación estenderase do 18 de febreiro ao 3 de marzo e inclúe festivais de comparsas, obradoiros infantís e desfiles

A vila quenta motores para unha das citas máis agardadas do ano, o Entroido. A programación para esta data foi presentada esta mañá pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, xunto a representantes das comparsas e dos colectivos que participan na organización desta gran festa, que se estenderá do 18 de febreiro ao 3 de marzo.

Tras a pausa obrigada da pandemia, o Entroido volve este ano á plena normalidade coa recuperación dos desfiles. “É un dos máis completos dos últimos anos, con actividades de todos e para todos”, indicou Carballo, que tamén se referiu á colaboración entre o Concello e os colectivos para a súa organización.

Presentación esta mañá da programación con representantes de colectivos e comparsas e a concelleira Silvia Carballo.

As comparsas, protagonistas un ano máis

Como xa é tradición, as comparsas serán as grandes protagonistas desta festa, con diversos festivais de comparsas nos que a veciñanza poderá gozar da música e das “letrillas” de Os Mulos, Os do Pinsel, Vou nun Bou, Tinta Femia e As Faltriqueiras.

As citas para escoitalos serán o sábado 18 no III Festival de Comparsas de Cela, o martes 21 na VII Filloada e Festival de Comparsas de Meiro e o venres 24 no XL Festival de Comparsas do Bueu Atlético Balonmán no Pavillón Municipal Pablo Herbello, cun segundo pase o venres 3 de marzo na Casa do Pobo de Beluso.

Festival de Comparsas en Cela o ano pasado.

Para festexar o corenta aniversario do festival bueués, ampliarase o aforo para preto dun millar de persoas, cunha gran infraestrutura no pavillón da man do Concello. Nesta ocasión, tamén se homenaxeará a Manuel González “Purro” como comparseiro que formou parte do conxunto Os Mulos.

As entradas para o evento xa están á venda nas librarías da vila. Ademais, as comparsas tamén actuarán o sábado 25 ás 20.00 horas na carpa que se instalará na Praza Massó.

Un dos derradeiros desfiles do Paxaro de Mal Agoiro. Imaxe: Concello.

Recuperación dos desfiles

Neste Entroido tamén volven os desfiles e o Enterro da Sardiña será o mércores 22 de febreiro a partir das 17.00 horas con saída desde a Praza Massó e coa participación dos colectivos infantís da vila e de Barafunda, que elaborarán unha sardiña de globos.

O Enterro do Paxaro de Mal Agoiro será o domingo 26, tamén ás 17.00 horas, cun gran desfile seguido da queima do paxaro na praia da Banda do Río. Hai que sinalar que o prazo de presentación de solicitudes para participar remata o día 17.

Obradoiros infantís con Tino Resille

Do 20 ao 22 de febreiro, de 11.00 a 13.00 horas, o artista local Tino Resille coordinará uns obradoiros infantís nos que a rapazada elaborará o Paxaro de Mal Agoiro. Os máis pequenos e pequenas tamén serán protagonistas das festas infantís que terán lugar na carpa as tardes do 23 e do 26 de febreiro, nas que se contará con persoal especializado en necesidades especiais.

Festa de disfraces con La Duendeneta

A carpa da Praza Massó acollerá dúas festas de disfraces o sábado 18 e o sábado 25 pola noite, coa actuación de La Duendeneta e cunha cantina do Bueu Atlético Balonmán. Ademais, o Centro Social do Mar albergará o domingo 26 un baile co grupo Dúo Latino.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...