Cal foi o libro que máis lle impactou ler? O primeiro que recorda? Estas serán algunhas das preguntas ás que se terán que enfrontar as persoas protagonistas do ciclo “A biblioteca de…”. A iniciativa, creada polo bibliotecario municipal de Bueu, José Ramón Núñez, e organizada pola concellaría de Arquivo e Bibliotecas, persegue fomentar as conversas arredor da experiencia lectora e da biblioteca persoal dos participantes, vinculados á vila.
As charlas terán lugar os martes e o programa comeza o vindeiro 24 de xaneiro coa presenza de Salvador Rodríguez, escritor e xornalista cultural en Faro de Vigo. O 21 de febreiro será a quenda de María Inés López, crítica literaria e fundadora da canle de YouTube “De cuatro hojas”. A terceira conversa será o 21 de marzo con Xosé Bangueses, fundador da libraría local Abrente e con experiencia no mundo editorial. O ciclo rematará o 18 de abril con Salvador Castro, profesor e moi relacionado co mundo da cultura.
Tal e como sinalou esta mañá o bibliotecario, José Ramón Núñez, a idea naceu antes da pandemia. “O obxectivo é que o público poida analizar de que forma os libros se cruzan na vida das persoas”, explicou. Pola súa parte, o edil da área, Alberto Moital, apuntou a que “este ciclo serve para retomar o pulso da programación anual das bibliotecas, que se freou por motivo da pandemia e do traslado da biblioteca ante as obras de ampliación”.
As actividades serán ás 20.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar e están abertas a toda a veciñanza para establecer un diálogo arredor dos libros e do papel que xogan nas vidas.