A proba deportiva será este domingo e inclúe unha carreira de 24 quilómetros e unha andaina de 16
O deporte bueués comeza o ano cunha das citas máis agardadas, a novena edición do Trail de Cela. A proba, que se celebra este domingo, xuntará a 500 participantes, 145 na carreira deportiva de 24 quilómetros e 360 para a andaina de 16 quilómetros.
O evento, organizado polo Concello e o Club Corredoiras, foi presentado esta mañá polo edil de Deportes e presidente de Corredoiras, Ricardo Verde, xunto a unha das integrantes do club, María García. A saída do evento será ás 10.00 horas desde O Igrexario, en Cela, para percorrer o mesmo circuíto que o ano pasado, polos montes da zona.
Pasarán por lugares como O Casal, A Barraca, a contorna do río Frade, Ermelo, San Cosme, a calzada romana, A Paralaia, Chans e con volta ao inicio. O itinerario do trail estará sinalizado con frechas laranxas mentres que o da andaina con frechas azuis.
Tal e como sinalan desde a organización, haberá premios para os tres primeiros das categorías absoluta, sénior e veterano, tanto en masculino como feminino. Tamén se recoñecerá ao primeiro local masculino e feminino. Os galardoados recibirán un orixinal trofeo que toma forma da Cruz de Ermelo e cestas con diversos produtos. Finalmente, a proba rematará servindo lentellas ás persoas participantes.