“Cartas de amor: 15 artistas contra a violencia de xénero” é o nome da exposición que o Centro Social do Mar acolle do 12 ao 29 de xaneiro, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. A mostra, que persegue sensibilizar á poboación máis nova, está situada na entrada deste espazo municipal e recolle unha selección do cómic galego sobre a violencia de xénero.
Os debuxos pertencen a autores como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luís Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitivo, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Villán e Anxos Sumai. Todas as creacións buscan facer reflexionar aos adolescentes sobre existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e eliminala.
A orixe de “Cartas de amor” vén da proposta da súa comisaria, Gemma Sesar, a varios debuxantes galegos e nacionais para plasmar nunha imaxe situacións que considerasen como violentas entre adolescentes. Así, perseguía por de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.