A ilusión renóvase cada ano e así ocorreu en Bueu esta mañá cando os Reis Magos desembarcaron no peirao tras unha longa viaxe desde Oriente e que remataron a bordo dunha embarcación tradicional, como xa vén sendo habitual nos últimos anos. Melchor, Gaspar e Baltasar foron recibidos por rapaces e rapazas que non quixeron perder a oportunidade de atoparse coas súas Maxestades de Oriente a primeira hora deste día máxico.
A continuación, os Reis Magos realizaron un percorrido repartindo caramelos por diferentes lugares como a Praza de Abastos, o mercado ou establecementos antes de dirixirse á Carpa das Lagoas. Alí está tendo lugar o recibimento oficial que ten previsto rematar ás 13.30 horas e onde a cativada pode entregar as súas cartas e coñecelos máis de preto.
Pola tarde, a Cabalgata de Reis terá saída ás 17.30 horas desde o estaleiro e percorrerá as rúas Montero Ríos, Francisco Escáneo, Pazos Fontenla, Castelao e Eduardo Vincenti. O percorrido rematará na praza do Concello cun espectáculo de fogos de artificio.