InicioMEDIO AMBIENTEJuncal insta a Augas de Galicia a asumir o financiamento da renovación...

Juncal insta a Augas de Galicia a asumir o financiamento da renovación dos servizos en Pazos Fontenla

Publicado o

O goberno local levará ao próximo pleno unha proposta para instar a Augas de Galicia e á Consellería de Infraestruturas a que financien o proxecto de renovación das redes de saneamento e abastecemento e mellora da rúa Pazos Fontenla. Así o anunciou o rexedor, Félix Juncal, nunha visita esta mañá á Estación Depuradora de Augas Residuais de Bueu e na que constatou que desde finais de setembro se puxo en funcionamento o sistema de tratamento terciario ou con raios ultravioleta, unha condición que a Consellería de Infraestruturas e Augas de Galicia pedían para a execución do proxecto de Pazos Fontenla.

O rexedor, Félix Juncal, amosa o tratamento terciario de desinfección ultravioleta.

Juncal sinalou que o Concello asumiu desde hai tres anos a redacción do proxecto de renovación de servizos e mellora integral na PO-315, ao seu paso pola rúa Pazos Fontenla, así como as diversas modificacións. “Todos os informes e autorizacións sectoriais están cumprimentados e perfectamente acreditados, nestes momentos non hai ningunha razón para que a Consellería de Infraestruturas non asuma o financiamento desta actuación”, explicou.

Na última reunión mantida entre ambas partes, hai un ano, advertiuse de que era necesario que o Concello activase o sistema de tratamento terciario. “A parte do Concello xa a cumprimos, só resta que a Consellería confirme o acordado nas reunións”, apuntou.

Félix Juncal, na dereita da imaxe, xunto aos edís Xosé Leal e Alberto Moital na visita desta mañá.

Un proxecto de 1.1 millóns de euros

A rúa Pazos Fontenla constitúe unha das arterias principais da vila e desde o Concello explican que advertiron en varias ocasións do mal estado no que se atopa. A isto súmase que os servizos de saneamento e abastecemento de auga están obsoletos, supoñendo riscos de verteduras. “A Xunta de Galicia é o organismo titular do vial, é a súa responsabilidade o mantemento e a mellora, non existe ningún tipo de convenio entre ambas partes onde o Concello teña responsabilidades”, afirmou Juncal.

En novembro do 2019 o Concello xa dispoñía dun proxecto para a mellora integral de beirarrúas de Pazos Fontenla, que foi remitido á Consellería. A mediados de 2021 remitiu un anteproxecto valorado en 1.1 millóns de euros para instar á Xunta a que financiase a actuación. O proxecto definitivo foi enviado en setembro e en decembro dese ano convocouse unha reunión entre alcaldía e Infraestruturas, na que se confirmou que o proxecto se inseriría no Fondo Europeo do Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea.

Instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais de Bueu.

Agora, a proposta será levada ao pleno da corporación co obxectivo de que se referende esta iniciativa e a Xunta de Galicia asuma o financiamento para levala a cabo, como sinalan que se acordou nas reunións mantidas.

Na visita, o alcalde estivo acompañado polo edil de Cultura e Medio Ambiente, Xosé Leal, o concelleiro de Patrimonio, Alberto Moital e a xefa de servizo de FCC Aqualia, Carolina García. Juncal tamén destacou que a planta funciona “con absoluta normalidade” e que “houbo dun xeito incesante un control e seguimento do funcionamento do servizo”.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...