A Sala Amalia Domínguez Búa acolleu onte un dos primeiros acto desta tempada, a inauguración da alfombra de Nadal realizada pola Asociación Cunchas e Flores. Un tapiz que representa a imaxe da chegada da Virxe María e de San Xosé a Belén na procura dun lugar onde pasar a noite.
A alfombra está elaborada con polvo de berberecho triturado en diferentes cores e é o resultado dun mes de traballo por parte desta asociación bueuesa. “É o esforzo de moitas horas dun colectivo de xente que decide apostar por facer estas alfombras”, explicou onte o representante de Cunhas e Flores na inauguración, que agradeceu a presenza de representantes da corporación municipal.
Precisamente, tamén interveu o rexedor, Félix Juncal, que reflexionou sobre a recuperación destes actos polo Nadal, tras dous anos limitados pola pandemia. “O Nadal é compartir e buscar espazos de colaboración, esperanza e futuro”, apuntou Juncal, que tamén recoñeceu o traballo do tecido asociativo bueués e das persoas que traballan a prol do alfombrismo.
Desde a asociación explican que a elaboración deste tapiz supuxo todo un reto pola complexidade do deseño, no que se poden apreciar un gran número de detalles. O acto tamén contou coa música do Coro María Soliña.
A alfombra poderá verse ata o próximo 6 de xaneiro e as persoas que decidan achegarse ata alí poderán participar nun concurso para gañar unha camiseta da asociación. Para entrar no sorteo terán que responder a varias preguntas tras escanear un código QR.