InicioCULTURAMúltiples propostas nunha programación de Nadal centrada nas familias

Múltiples propostas nunha programación de Nadal centrada nas familias

Publicado o

Chocolatadas, festas de fin de ano, torneos deportivos, maxia, cantos tradicionais e corais, obradoiros ou encontros literarios. Estas son algunhas das actividades que centran a programación de Nadal presentada polo Concello de Bueu e que perseguen compartir estas datas entre cativada e persoas maiores. Gran parte deles terán lugar na carpa habilitada nas Lagoas, que contará a partir do xoves cunha decoración especial e novidosa.

Como vén sendo tradición nos últimos anos, os máis pequenos e pequenas recibirán as visitas de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos. Papá Noel estará na carpa de Nadal a tarde do 24 de decembro, mentres que o Apalpador chegará o día de Nadal. Pola súa banda, agárdase a chegada por mar dos Reis Magos o día 5 de xaneiro. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao peirao en embarcacións tradicionais ás 12.00 horas e ás 17.00 horas sairá a cabalgata nun percorrido polas rúas do casco urbano.

O Apalpador, que visitará Bueu o día de Nadal.

Unha das actividades máis novidosas será o “Choconadal”, na que o Concello colabora cos colectivos veciñais e que inclúe actuacións de música de grupos locais (Os Mulos, Recordos da Nosa Terra e a Coral de Beluso), unha xincana deseñada polo artista Josuha Xanbreo e chocolate de balde. Esta proposta chegará a tarde do 23 de decembro a Meiro, a do 27 a Beluso e a do 30 en Cela.

O edil de Cultura, Xosé Leal, fai fincapé na aposta do goberno local polas actividades para todas as idades coa colaboración de colectivos culturais e sociais cun importante arraigo na vila.

Festa e badaladas en fin de ano

Para rematar este 2022, o Concello organiza unha festa infantil a mañá do 31 de decembro, que contará coas actuacións do Mago Paco e de Peter Punk cunhas “badaladas miúdas”. Esa mesma noite está prevista unha actuación da orquestra local Distrito 7, entre as 01.00 e 03.00 horas.

Peter Punk, que estará na festa infantil deste Nadal, nas badaladas do 2020 en Bueu.

Primeira edición da Silvestre de Bueu

Outra das novidades da programación será a celebración da carreira Silvestre o 31 de decembro, en colaboración con Corredoiras, Galaicas e Asbel. A xornada estará dividida nunha olimpíada infantil e na San Silvestre. Nesta última poderá participar toda a veciñanza e haberá dúas modalidades, correr ou andar, que transitarán por un circuíto urbano de 2.5 quilómetros.

As propostas deportivas para este Nadal complétanse co primeiro Torneo 3×3 Futsal e co I Torneo Pin-Pon Nadal. Xa a finais de xaneiro, o día 22, terá lugar o IX Trail e Andaina de Cela.

A música como protagonista

O programa deste Nadal ten como protagonista á música en varias actividades. Co obxectivo de ambientar os locais, os días 24 e 31 de decembro e 7 de xaneiro haberá cantos de taberna ao mediodía. A Banda de Música de Bueu tamén ofrecerá un concerto de Nadal o 23 de decembro ás 20.00 horas no Centro Social do Mar.

O 26 de decembro, pola mañá e pola tarde, haberá animación polas rúas con música tradicional. Mentres, o día 28 celebrarase un Concerto de Nadal e o día 9 de xaneiro o Festival En Canto.

Festival de Nadal da Asociación Española Contra o Cancro que se celebrou o pasado sábado.

Máis propostas

Máis alá disto, destacan outras actividades como a realización dunha alfombra floral de Nadal que se poderá ver na Sala Amalia Domínguez Búa do 21 de decembro ao 8 de xaneiro. Tamén haberá propostas de maxia, xincanas e encontros literarios como o de Ledicia Costas e El Hematocrítico o 3 de xaneiro, organizado por Libraría Miranda.

Por outra banda, o Museo Massó organiza obradoiros infantís os días 27 e 29 de decembro e 3 e 5 de xaneiro. Tamén programa visitas á salgadura de Mourisca o 31 de decembro e o 8 de xaneiro. A Asociación Santos Reis tamén celebrará a Romaría dos Santos Reis o día 6 de xaneiro.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...