O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia vén de anunciar as propostas gañadoras dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura. Trátase dun certame que cada ano recoñece o traballo de arquitectos e arquitectas así como de obras e proxectos de calidade desenvoltos nas delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. Nesta ocasión, entre os proxectos gañadores atópase a transformación do patio do colexio da Torre-Cela, que inclúe a substitución da cuberta, realizado por Fermín González.
Desde o xurado apuntan á súa elección “pola aposta firme pola arquitectura e a paisaxe desde a base, sinalándoas como unha parte fundamental da sociedade”. Fan mención tamén á creación “dun valioso proxecto educativo” coa implicación das crianzas, as familias e as entidades públicas e destacan a humanización e iluminación do patio, cunha mellora do xogo e da educación da rapazada.
Ao certame presentáronse un total de 63 obras, de máis de dez tipoloxías diferentes. Ademais da transformación do patio do colexio bueués, tamén resultaron gañadoras outras propostas como a reforma dun local en Vilaboa, a horta e invernadoiro do restaurante Culler de Pau, o Centro Cultural Antonio Fraguas de Cercedo-Cotobade ou rehabilitacións de edificios.
Os Premios Gran de Area perseguen amosar unha arquitectura posible e próxima, mellorando o entorno así como a expresión da cultura arquitectónica. O acto de entrega dos diplomas será no primeiro trimestre do 2023.