O FICBUEU puxo fin o sábado á primeira semana de programación coa entrega de premios, na que a curtametraxe francesa “L’enfant salamandre” foi elixida como a peza gañadora da Sección Oficial. O filme, dirixido por Théo Degen, recibiu o primeiro premio e unha contía económica de 2.000 euros.
A curta gañadora narra a historia de Florian, un rapaz que aos quince anos pensa que se pode comunicar cos mortos a través do lume e que o converte no “bicho raro” do seu lugar de residencia. O premio foi entregado polo edil de Cultura, Xosé Leal, tralo anuncio feito por Luis Parés, en representación do xurado da Sección Oficial.
O segundo premio, dotado con 1.000 euros, foi para “Interfon 15”, unha curtametraxe romanesa dirixida por Andrei Epure. Neste caso, a deputada provincial de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias, foi a encargada de entregar o galardón. “Interfon 15” pon en primeiro plano reflexións sobre a vida, despois de que varias persoas descubran a unha muller inconsciente tirada fronte ao seu bloque.
O Premio do Público, presentado por María Ruíz-Falcó e Nerea Lores en representación do FICBUEU, recaeu sobre a produción neerlandesa “Vlekkeloos” de Emma Branderhorst. Noutra liña, o premio Galicia R á mellor obra galega foi comunicado por Pepe Coira, membro do xurado nacional e entregado por Alfredo Ramos, director da compañía R. Nesta edición houbo dúas pezas gañadoras ex aequo, “Rompente” de Eloy Domínguez e “El sembrador de estrellas” de Lois Patiño. Ambos recoñecementos recibiron unha dotación económica de 500 euros.
O recoñecemento á Mellor Curta Española foi para “Alopècia Androgènica” de Salvador Sunyer, cunha Mención Especial para “Harta” de Julia de Paz. No caso da Sección Descubertas, o filme gañador foi “Minimal sway while starting my way up”, de Stéphanie Lagarde. No acto tamén se fixo entrega do Premio Cinema Galgeo 2022 a Miguel de Lira.
Presentación do “Caderno #3”
O festival viviu o sábado unha das xornadas máis intensas da súa programación. Ademais das proxeccións da Sección España e Galicia R, cos seus respectivos coloquios, tamén tivo lugar a gravación do programa de radio Carne Cruda.
Ademais, esa mesma mañá presentouse a terceira publicación do Caderno FICBUEU da man do seu autor, Severiano Casalderrey. A obra céntrase no Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas, posteriormente Escola Oficial de Cinematografía.
O autor, que vén de recibir o Premio María Luz Morales na categoría de mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, narrou como foi o proceso de investigación deste terceiro caderno. Así, explicou a evolución e as diferentes etapas desta escola, así como os seus fitos máis importantes.
No acto tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que destacou o papel do audiovisual dentro do festival así como a promoción da lingua.
O MiniFIC abre paso
A programación do festival continúa esta semana co MiniFic, organizado para o público máis mozo. Esta mañá tivo lugar a proxección da Sección Escolas Internacionais e Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas. Os premios foron para “Yi-yi” realizada por Lasalle College of Arts e “Algas negras”, do IES Audiovisual de Vigo.
Desde mañá e ata o xoves será a quenda das proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, pechadas para os centros de ensino. O venres, o MiniFIC rematará coa Gala Escolas Galegas, un obradoiro de storyboard, un concerto de Brais das Hortas e a proxección da Sección Curtas en Familia.