InicioSOCIEDADEA transformación do antigo cemiterio cinco décadas despois

A transformación do antigo cemiterio cinco décadas despois

Publicado o

O antigo cemiterio de Bueu, na contorna da Igrexa de San Martiño e clausurado en 1970, xa é un novo espazo de lecer e uso público. Co remate das obras de axardinamento vén de transformarse nun xardín de 1.500 metros cadrados. Precisamente, esta tarde tivo lugar a inauguración do emprazamento coa presenza do alcalde, Félix Juncal e da presidenta da Deputación, Carmela Silva, así como de membros da corporación local.

Juncal destaca que “estamos moi satisfeitos por esta actuación coa que damos unha nova vida a un espazo deteriorado, ao tempo que ampliamos as zonas de lecer”. As obras, a cargo da empresa Construcciones Castro Figueiro, contan cun orzamento de 116.909 euros financiados a través do Plan Concellos da Deputación.

O rexedor mostrou a súa satisfacción xa que a actuación “conta cun amplo recoñecemento da veciñanza e cumpre os obxectivos que perseguiamos: rehabilitar este lugar da memoria e convertelo nun gran parque público”. Así, salientou que a actuación permite “a accesibilidade en toda a contorna da igrexa” e o “fomento de espazos verdes con compatibilidade de usos que garanten gardar a memoria”.

Pola súa parte, a presidenta da Deputación deu os parabéns ao Concello polo modelo de transformación do espazo público. “Para esta institución provincial é unha alegría poder ser partícipe do cambio, sobre todo cando supón mellorar a calidade de vida e recuperar espazos verdes“, explicou Silva. A presidenta afirmou que “tan importante é crear espazos novos como manter vivo o recordo do que foron con anterioridade”, en alusión ao antigo cemiterio.

O espazo exterior da igrexa, onde se situaba o antigo cemiterio municipal, atopábase desde hai anos sen ningún aproveitamento e nun estado de abandono con problemas de salubridades. Así, o goberno local decidiu apostar por un proxecto para poñelo en valor.

Entre as actuacións realizadas está a construción dun muro de contención na zona próxima ao vial do Valado cunhas escaleiras para conectar con esa área e que permitirán ter dous miradoiros a distintos niveis. Tamén se mantén o panteón existente, que pertencía á familia de Amalia Domínguez Búa, así como as árbores actuais.

Ademais, dotouse ao espazo de especies vexetais como camelias e delimitáronse carreiros interiores. Tamén se levou a cabo a dotación de mobiliario público e solucionouse o acceso ao xardín desde a estrada provincial do Valado.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...