InicioSOCIEDADEBeluso acolle a segunda edición do Trail do Nocedo con récord de...

Beluso acolle a segunda edición do Trail do Nocedo con récord de participación

Publicado o

O pavillón de Beluso acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Trail do Nocedo, unha proba organizada por Asbel en colaboración coa Comunidade de Montes de Beluso e o Concello de Bueu e que vai máis alá do deportivo. O evento, que terá lugar este domingo inclúe un trail de 26 quilómetros e un trailiño de 15 e xa suma 246 participantes, unha cifra superior á do ano pasado.

Así o avanzou Francisco Fernández, membro da organización do evento, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo alcalde, Félix Juncal; o edil de Deportes, Ricardo Verde; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez e o xefe do servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides.

De esquerda a dereita: o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o xefe do servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; un dos membros da organización do trail, Francisco Fernández; o rexedor, Félix Juncal e o edil de Deportes, Ricardo Verde.

RECOÑECEMENTOS

As carreiras, que terán saída ás 10.00 horas desde o parque Joe Novas, introduciron modificacións no percorrido con respecto á primeira edición e inclúen novas zonas. O trail, que conta con 107 inscritos, terá un desnivel de 1.400 metros, mentres que no trailiño, con 139 participantes, será de 600 metros.

A organización prevé varios trofeos: no caso do trail haberá para o primeiro clasificado/a na absoluta e para os tres primeiros nas modalidades de senior, veterán 40 e veterán 50, así como para os tres primeiros trailiño e equipos.

Ademais, tamén haberá recoñecementos para o primeiro inscrito e inscrita no evento, o deportista que veña de máis lonxe, o participante máis veterán/á, o equipo con máis participantes o primeiro e primeira clasificada de Bueu.

POSTA EN VALOR DAS TRADICIÓNS

Como xa ocorreu o ano pasado, o Trail do Nocedo sitúa en primeiro plano o patrimonio e as tradicións da parroquia. Durante o percorrido das carreiras, os deportistas pasarán por seis puntos nos que haberá recreacións con figurantes como a pesca artesanal en Area de Bon, a pesca de caña en Reventóns, o muíño e lavadoiro do río Nocedo e unha foliada en Vilar.

Paralelamente, o evento aposta pola acción social e contará cun posto de venda da Asociación Protectora Animais do Morrazo, para recadar fondos. Pola súa parte, os trofeos foron elaborados pola Asociación Juan XXIII de Cangas.

No acto desta mañá o alcalde, Félix Juncal, destacou que é “unha proba de que o deporte é algo apaixonante e que pode transmitirnos valores” á vez que se referiu ao deporte como “o faro que guía as nosas vidas e axuda a construír sociedades máis humanizadas”. Así, tamén remarcou que é “un trail extraordinario e que a participación demostra o marabilloso traballo do ano pasado”.

Pola súa parte, Daniel Benavides puxo de manifesto “o enorme traballo de posta en valor do territorio, xuntando divulgación de cultura e deporte, dando a coñecer a parroquia de Beluso en todas as vertentes” e sinalou que “é unha proba que veu para quedarse”.

Así, Gorka Gómez insistiu no valor do deporte como un proxecto social e con iniciativas que animan á participación. Tamén insistiu na importancia de desestacionalizar as actividades deportivas. Todos eles agradeceron o traballo da organización.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...