O Club do Mar de Bueu-Simei e o Concello, organizan este domingo a XIII Bandeira de Bateis, unha regata que contará coa participación de máis dun cento de embarcacións. Así o sinalaron Javier Pazos, membro da directiva do club na presentación da regata, xunto ao alcalde, Félix Juncal e o edil de Deportes, Ricardo Verde.
O evento, xa un clásico no calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría cun minuto de intervalo. O percorrido sairá desde o peirao cara á praia da Robaleira cunhas distancias que varían entre as categorías de alevín, infantil, cadete, xuvenil e absoluta, tanto masculina como feminina.
A organización espera a participación de 41 embarcacións de categorías femininas e 61 das masculinas dos clubs Samertolameu, Tirán, Chapela, Virxen da Guía, Vila de Cangas, Coruxo, Cesantes, Robaleira, Amegrove, Mecos, Vilaxoán, Bueu e Cabo da Cruz. As traiñeiras gañadoras faranse cunha bandeira conmemorativa da proba e tamén haberá medallas para os barcos clasificados en cada categoría.
O alcalde e o edil de Deportes recoñeceron o traballo do club por potenciar o remo entre as mulleres, que cada vez teñen máis presenza. “É importante reivindicar os seus espazos en todos os ámbitos da vida, tamén no deporte, que debe ser un referente de igualdade e valores”, manifestaron.