“A Atención Primaria está morrendo”, “O Sergas deixounos na estacada” ou “Coa saúde dos pequenos non se xoga” foron algúns dos lemas máis visibles na mobilización desta mañá en Bueu para esixir ao Sergas o regreso do servizo de pediatría ao Centro de Saúde da vila.
Máis de 600 persoas saíron á rúa nunha mañá chuviosa para facer fronte á situación sanitaria que o municipio vive desde hai máis dunha semana debido á baixa das dúas pediatras, que non foron substituídas por ningún especialista desta área.
Con pancartas e peluches, os asistentes permaneceron case unha hora nas inmediacións do Centro Social do Mar. Entre eles tamén se atopaban representantes de todas as formacións políticas (BNG, PP, PSOE e ACB) así como de numerosos colectivos como A Voz da Sanidade de Cangas.
A concentración tamén contou cun micrófono aberto no que diversas persoas puideron expresar a situación que vive o municipio. O primeiro deles cualificou o sucedido de “surrealista” e recordou que fai catro anos a veciñanza xa saíu á rúa cando o Sergas quitou un dos especialistas. “En cinco meses volviamos ter pediatra, a convocatoria de hoxe é moitísimo máis forte”, sinalou.
Tamén participou o edil e voceiro do BNG, Xosé Leal, que reivindicou a importancia dunha sanidade pública e de calidade e deu lectura a varios artigos dos Dereitos dos Nenos e das Nenas de Unicef. Todos os participantes no microfóno aberto coincidiron na necesidade de que o servizo de pediatría “regrese xa”.
SEN PEDIATRAS DESDE O 22 DE FEBREIRO
O Centro de Saúde leva sen pediatras desde o pasado 22 de febreiro e as familias denuncian á vez a falta de solucións, xa que os afectados tampouco eran derivados a outros centros, quedando os cativos sen consultas nin revisións.
Incluso os propios profesionais do Centro de Saúde explicaban que non tiñan instrucións desde a xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que días despois anunciou a incorporación dunha enfermeira de reforzo e, posteriormente, dun pediatra para revisións.
Porén, as familias demandan que se volvan asignar pediatras aos 1.400 rapaces e rapazas afectados así como a cobertura das prazas. Desde este luns levan denunciando a situación e traballando na organización da concentración desta mañá. Así, insisten na importancia de poñer reclamacións e non descartan máis mobilizacións nos próximos días. “Hai que seguir pelexando ata conseguir que os pediatras estean en Bueu”, concluíron.