O Concello e a Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración de Fecimo, organizan do 8 ao 12 de marzo as primeiras “Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”. Coa vista posta no 8 de marzo, trece locais da vila creararán tapas inspiradas na cociña de Bea Sotelo, unha cociñeira natural do Morrazo e que conta cunha Estrela Michelín.
Este proxecto ten como obxectivo visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas, á vez que se dinamiza a gastronomía da vila. “O que buscamos é sacar ás mulleres das cociñas de Bueu fóra e poñerlles cara”, explican desde a organizaión,
Os locais participantes ofrecerán tapas a un custe de 3.50 euros tanto a mediodía como á noite e nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Bea Sotelo. Con orixes na aldea de Ardán, Sotelo practica unha cociña avanzada que mantén a raíz galega cun produto fresco e de calidade.
A veciñanza poderá conseguir as tapas en Buena Vibra, Casa Benito, Noite Tapas, O Ratiño Pequeno, La Zarzamora, Pyramis, Vinoteca A Cepa, A Centoleira, Esmorga, Aturuxo Bar, Morriña, Casa Quintela e O Farol. Nos próximos días, o Concello desvelará os nomes e fotografías das tapas e dos equipos das cociñas.