A Casa do Pobo de Beluso acolle este venres o derradeiro acto oficial da programación deste Entroido. A festa despedirase coa organización dun novo pase para escoitar ás comparsas Os Mulos, As Faltriqueiras, Vou nun Bou, Tinta Femia, Os do Pinsel, todas de Bueu xunto a Marcha Loca de Aldán e Vaille Dando de Moaña.
O festival está organizado polo Bueu Atlético Balonmán, que o venres pasado celebrou o 40 aniversario cun pase no Pavillón Municipal de Bueu. As entradas para Beluso están á venda nas librarías locais.
O CONCELLO VALORA ESTE ENTROIDO COMO “UN GRAN ÉXITO DE PÚBLICO”
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, fixo un balance moi positivo da organización do Entroido deste ano. “Foi unha programación moi diversa e variada, en distintos lugares da vila e para todas as franxas de idade”, afirmou.
O Entroido comezou co III Festival de Comparsas de Cela, cun gran éxito de público e grazas ao traballo da Asociación Cultural Costumes de Cela. “Volvemos á normalidade cun dos programas máis completos dos útimos anos, cunha estreita relación entre Concello e colectivos como Costumes de Cela, Bueu Atlético Balonmán e Asociación Veciñal A Morada”, explica Carballo.
Como xa é tradición, as grandes protagonistas da festa foron as comparsas con actuacións nas que o público puido gozar das súas “letrillas”. Ademais do festival de Cela, tamén se celebrou a VII Filloada e Festival de Meiro.
Este ano tamén se recuperaron os desfiles de Entroido, tanto o infantil do Enterriño da Sardiña como o Enterro do Paxaro do Mal Agoiro. Ademais, tamén houbo festas infantís de disfraces e actuacións de gran éxito como as de La Duendeneta.