Ademais das xornadas gastronómicas xa anunciadas, o Concello presenta agora a programación completa con motivo do 8M, Día Internacional das Mulleres. Unha proposta que inclúe unha concentración feminista, cinema, presentacións literarias, obradoiros e recoñecementos ás bueuesas Raquel Álvarez e Carmen Outeda.
O programa comeza o propio día 8 co acto de recoñecemento e coloquio con Raquel Álvarez, galardoada nos VII Premios Sofía Novoa da Deputación polo seu traballo de fin de mestrado. O evento será ás 19.00 horas no Centro Social do Mar e Álvarez debullará os instrumentos e xéneros como metedoloxía idónea para promover a igualdade.
A concentración feminista será ás 20.00 horas coa lectura da declaración institucional e que afondará na preocupación ante o aumento da fenda de xénero e as altas taxas de emprego temporal nas mulleres.
PRESENTACIÓN LITERARIA
A proposta continúa o 10 de marzo coa presentación do libro “Así fala Penélope. Unha antoloxía de xénero” de Marta Dacosta e que contará cun recital da poeta bueuesa Lucía Novas e un grupo de alumnas do IES Johan Carballeira. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, o Centro Social do Mar albergará a proxección do filme “The Assistant” da man do Cineclub Bueu, con entrada de balde ata completar aforo.
Ademais, o día 11, a cidadanía poderá gozar de “8(M)ulier”, un contacontos de Trémola Teatro para público adulto que terá lugar ás 21.00 horas no Centro Social do Mar, tamén con entrada de balde.
Finalmente, o día 17 de marzo, o Club Golfiños celebrará a súa gala VI Homenaxe Bueuesa Senlleira, que este ano recoñecerá ao colectivo das farmacéuticas na figura de Carmen Outeda.
OBRADOIROS EN CENTROS DE ENSINO
Paralelamente, o Concello programa actividades sobre igualdade de xénero para o alumnado dos centros educativos da vila. “Xogando sen xénero” está destinado a primaria e para os niveis de secundaria proponse unha experiencia de pintura urbana na Praza Massó.