Os actos, nos que se repartirá material para as trampas, serán entre finais de febreiro e comezos de marzo nas tres parroquias
O Concello de Bueu e Asociación Galega de Apicultura retoman un ano máis a colaboración anual para loitar contra a vespa velutina. Como xa vén sendo habitual, haberá actos públicos nas tres parroquias para repartir material á veciñanza, tanto para as trampas instaladas ata este ano así como para outras novas.
Os encontros comezarán o 27 de febreiro na Casa do Pobo de Beluso e continuarán o día 28 na Casa da Aldea de Meiro, o 2 de marzo no Centro Sociocultural de Cela e o 3 de marzo no Centro Social do Mar. Todos os actos serán ás 20.30 horas e desde o colectivo de apicultores inciden na necesidade de que a cidadanía se conciencie e inicie a colocación de trampas para evitar a proliferación de niños. Ademais, para recoller o material recoméndase levar unha bolsa para evitar o uso innecesario de plástico.
Os obxectivos desta campaña pasan por diferenciar a vespa velutina da vespa crabo (un insecto autóctono), estudar os medios empregados no control da velutina e analizar os tipos de trampas, así como o seu reparto
O edil de Medio Ambiente, Xosé Leal, anima á veciñanza a participar un ano máis neste programa. “Está demostrando que as trampas reducen nunha ampla proporción a proliferación de niños, por iso temos que incidir na prevención máis ca na retirada”, sinala.