Os eventos do Entroido serán do 17 ao 26 de febreiro con actividades para todos os públicos
A concellaría de Promoción Económica e Turismo, dirixida por Silvia Carballo, programa un gran cartel de eventos para festexar o Entroido con actividades do 17 ao 26 de febreiro. Actuacións das comparsas, festas de Entroido, obradoiros infantís e, por suposto, o Enterriño da Sardiña, que será o 22 de febreiro, e o do Paxaro de Mal Agoiro, programado para o 26 de febreiro. Precisamente, o Concello vén de abrir o prazo para participar nos premios de ambos desfiles, que se recuperan tras dous anos de ausencia debido á pandemia.
As persoas e agrupacións que desexen participar poden inscribirse ata o 17 de febreiro e os premios repartirán 6.500 euros entre todas as categorías participantes. Ao igual que en edicións anteriores, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar. Así, destinaranse 500 euros ás comparsas que participen nos actos programados do Entroido, 150 euros para as agrupacións de máis de quince persoas que desfilen no Enterriño da Sardiña e 120 euros para aquelas que o fagan no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro.
Porén, tamén haberá premios que se repartirán entre os participantes do Enterro do Paxaro nas categorías de comparsas, agrupacións de máis de 15 compoñentes, grupos de entre tres e quince persoas, parellas e individuais.
O modelo da solicitude que se debe presentar está especificado nas bases, dispoñibles na web municipal, e nas que tamén se especifica que, no caso de mal tempo, a decisión de desfilar ou no tomarase por parte da Comisión de Entroido, formada por un representante do Concello e dos colectivos do Entroido.