O restaurante local “Esmorga” participará no Campionato de España de Hamburguesas
Bueu aspira a ter unha das mellores hamburguesas de España coa proposta que o restaurante local “Esmorga” presentará á terceira edición do certame culinario “Best Burger Spain”, promovido por Fenicia Marketing Gourmet. Tatiana e Iván Teixeira, xerentes do local, mantiveron un encontro coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, que deu os parabéns aos promotores da iniciativa.
A tradición é un dos eixes centrais da hamburguesa que prepararon para o certame. “Pretende evocar o ambiente que se creaba ao lado das lareiras e das cociñas das nosas avoas, con produtos galegos cos que xerar esta sensación nas persoas que a degusten”, afirma Iván Teixeira. Precisamente, a hamburguesa poderá probarse o vindeiro 1 de febreiro en primicia no local bueués. Un encontro para o que o aforo xa está completo e no que as persoas inscritas poderán coñecer os ingredientes da hamburguesa, que tamén serán desvelados nas redes sociais do local.
Tanto desde o local como desde a concellaría que dirixe Carballo convídase a toda a veciñanza da vila a probar esta hamburguesa e a votar no concurso que estará en marcha do 1 ao 28 de febreiro. Ao degustar a hamburguesa, a persoa recibirá un código QR para votar con acceso a unha páxina web, co que tamén entrará no sorteo dun premio económico.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, destacou a importancia de apoiar esta iniciativa. “Segue afianzando a calidade da nosa hostalaría e dos nosos produtos, ao tempo que tamén impulsa o turismo e o coñecemento da vila de Bueu”, apunta.