InicioCULTURAUn ciclo para descubrir as bibliotecas íntimas de catro bueueses e bueuesas

Un ciclo para descubrir as bibliotecas íntimas de catro bueueses e bueuesas

Publicado o

Cal foi o libro que máis lle impactou ler? O primeiro que recorda? Estas serán algunhas das preguntas ás que se terán que enfrontar as persoas protagonistas do ciclo “A biblioteca de…”. A iniciativa, creada polo bibliotecario municipal de Bueu, José Ramón Núñez, e organizada pola concellaría de Arquivo e Bibliotecas, persegue fomentar as conversas arredor da experiencia lectora e da biblioteca persoal dos participantes, vinculados á vila.

O edil de Arquivo e Bibliotecas, Alberto Moital, xunto ao bibliotecario, José Ramón Núñez, na presentación da actividade.

As charlas terán lugar os martes e o programa comeza o vindeiro 24 de xaneiro coa presenza de Salvador Rodríguez, escritor e xornalista cultural en Faro de Vigo. O 21 de febreiro será a quenda de María Inés López, crítica literaria e fundadora da canle de YouTube “De cuatro hojas”. A terceira conversa será o 21 de marzo con Xosé Bangueses, fundador da libraría local Abrente e con experiencia no mundo editorial. O ciclo rematará o 18 de abril con Salvador Castro, profesor e moi relacionado co mundo da cultura.

Tal e como sinalou esta mañá o bibliotecario, José Ramón Núñez, a idea naceu antes da pandemia. “O obxectivo é que o público poida analizar de que forma os libros se cruzan na vida das persoas”, explicou. Pola súa parte, o edil da área, Alberto Moital, apuntou a que “este ciclo serve para retomar o pulso da programación anual das bibliotecas, que se freou por motivo da pandemia e do traslado da biblioteca ante as obras de ampliación”.

As actividades serán ás 20.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar e están abertas a toda a veciñanza para establecer un diálogo arredor dos libros e do papel que xogan nas vidas.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...