Evitouse a contaminación de máis de cinco millóns de litros de auga | O colector que máis litros recolleu foi o da Rúa Nova de Beluso
4.640 é a cantidade de quilos de aceite usado que o Concello de Bueu recolleu durante o ano 2022 nos contedores instalados en diversas zonas da vila. Unha cifra coa que se evitou a contaminación de máis de cinco millóns de litros de auga e que, transformado en biocarburante, xerou un aforro de 13,92 toneladas de CO2 emitidas á atmosfera.
O edil de Medio Ambiente, Xosé Leal, destaca que “os litros recollidos van en constante aumento desde a instalación dos contedores no 2019”. Precisamente, Bueu conta con colectores de aceite usado en once puntos da vila e o que máis litros recolleu no 2022 foi o da Rúa Nova de Beluso, seguido moi de preto polos do casco urbano.
Desde o departamento de Medio Ambiente municipal celébrase esta noticia, aínda que se segue poñendo o foco na necesidade de concienciar á cidadanía xa que o aceite de cociña usado ten un poder contaminante 5.000 veces superior que a auga residual dos sumidoiros e das redes de sanemanto. Así, anímase á veciñanza a participar na iniciativa co depósito de aceite en botellas pechadas no interior dos colectores.
Paralelamente, a Mancomunidade do Morrazo pon a disposición da cidadanía uns funís que se poden solicitar de balde no correo info@mancomunidadedomorrazo.gal ou presencialmente no Concello de Bueu. Trátase dunha campaña que conta cunha subvención de 7.000 euros da Xunta de Galicia, con financiamento europeo e co obxectivo de sensibilizar á poboación.