O taller de autoestima organizado polo Centro de Información ás Mulleres de Bueu e a Asociación por Beluso comezou esta semana coa participación dunha vintena de mulleres. A actividade, que se desenvolve na Sala Multiusos do local de Benestar Social, ofrece ferramentas para o exercicio dunha vida plena e de valoración das propias capacidades.
A encargada de impartir as sesións é a psicóloga do CIM, Beatriz Monroy, e as seguintes sesións serán o 23 e 30 de xaneiro e o 6 de febreiro. O obradoiro, que é de balde, aborda cuestións como a definición da autoestima e a súa construción, exercicios para a confianza persoal ou técnicas para afrontar os pensamentos negativos. Con todo isto perséguese que as participantes poidan modificar as súas debilidades e mellorar as súas fortalezas para lograr avances na súa vida persoal e profesional.