O Centro Social do Mar acollerá o vindeiro venres 20 de xaneiro a presentación do libro “A culpa”, publicado pola xornalista e escritora María Solar. O acto, organizado por Libraría Miranda, será ás 19.00 horas e xunto á autora estará Marta Gómez, xornalista e directora do programa cultural Zigzag Diario.
A novela, que resultou gañadora do premio Xerais 2022 nesa categoría, está protagonizada por mulleres unidas por segredos e polo sentimento de culpa. O relato comeza cunha empregada dunha pequena sucursal bancaria, Amanda, que se converte na herdeira da señora Gondar, unha muller de aspecto miserable e con contas millonarias. A partir de aí irá sucedéndose unha investigación sobre a identidade da anciá e da súa historia vital.
María Solar tamén é presentadora e directora do programa Zigzag Fin de Semana na TVG. Na escrita destacan as súas obras de literatura infantil e xuvenil con títulos premiados e traducidos a varios idiomas como “As meigas de Lupa” ou “Os nenos da varíola”.