Trala boa acollida no seu lanzamento nas redes sociais, o Club do Mar Bueu presentou onte á veciñanza o seu himno. Un tema interpretado pola comparsa Os Mulos e cuxa letra é obra de Suso “Viti”. A estrea foi nun acto no Centro Social do Mar que tamén serviu para coñecer as orixes do remo na vila e presentar a sétima edición do Memorial Pepe O Ruso, que se celebrará mañá.
O evento, que reuniu a un gran número de persoas, comezou cun coloquio do investigador Arturo Sánchez Cidrás. El foi o encargado de debullar un gran número de datos históricos e curiosidades sobre o desenvolvemento dun deporte como o remo na vila. Tamén o fixo sobre os corenta anos que o Club do Mar Bueu cumpriu no 2022.
Tras isto tomou a palabra o autor da letra do himno, que tamén recitou algúns versos e abriu paso a Os Mulos. A agrupación interpretou en directo o himno “A Maruxía”, que servirá como un novo apoio para os remeiros.
https://www.youtube.com/watch?v=vJUQdVvBD6c
O acto rematou coa presentación do VII Memorial Pepe O Ruso, que se celebra mañá no peirao da vila partir das 11.30 horas no formato de regata a contrarreloxo e coa participación de máis de trinta embarcacións.