InicioECONOMÍAAs vendas na lonxa superan os tres millóns de euros co polbo...

As vendas na lonxa superan os tres millóns de euros co polbo como especie máis vendida

Publicado o

A lonxa de Bueu despediu o 2022 cun incremento da facturación nun 5% con respecto ao exercicio do 2021. As cifras da plataforma de Pesca de Galicia indican que o pósito bueués pechou o ano cunhas vendas de 3.129.590 euros, case 162.000 euros máis que no 2021.

O patrón maior de Bueu amosa un polbo na visita da conselleira de Mar, Rosa Quintana, á lonxa bueuesa no mes de agosto.

Nas mesmas estatísticas compróbase que a especie máis vendida ao longo do ano foi o polbo, da que se poxaron case 153 toneladas. Experimentouse tamén un aumento do 32% con respecto ao ano anterior ao venderse 37 toneladas máis. A facturación polas vendas do cefalópodo tamén subiu ata case o millón e medio de euros, un 36% máis, mentres que o prezo medio foi de 9,55 euros por quilogramo.

Xunto ao cefalópodo, o xurelo, a boga, a sardiña e a navalla constitúen as principais vendas na lonxa. Segundo os datos de pesca, poxáronse case 40 toneladas de xurelo, 37 de boga, 28 de sardiña e 27 de navalla.

Principais especies subastadas na lonxa bueuesa no 2022. Fonte: Pesca de Galicia.

As estatísticas tamén amosan a baixada dos quilos poxados de ourizo, un dos principais recursos da confraría bueuesa. Este descenso constata a efectividade das medidas levadas a cabo para protexelo e garantir a súa conservación. Así, en 2022 vendéronse algo máis de 27 toneladas de ourizo fronte ás 34 do 2021.

Noutra liña, preocupa a baixada da facturación do percebe que pechou o derradeiro ano como o peor desde que existen rexistros estatísticos. No 2022 poxáronse case 4 toneladas desta especie por un importe de 144.000 euros, cen mil euros menos que no 2021 e confirmando a cifra máis baixa da serie histórica.

ÚLTIMAS

Beluso acolle a segunda edición do Trail do Nocedo con récord de participación

O pavillón de Beluso acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Trail...

Denuncian o recheo de cemento de 80 metros cadrados da praia da Banda do Río nas obras de Portos

A asociación ecoloxista de Bueu Anduxía vén de expresar o seu "malestar e sorpresa"...

Continúan as reivindicacións pola falta de pediatras e o Sergas anuncia a colaboración “voluntaria” de seis especialistas

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés informou de que reorganizaron a cobertura das...

O PP cuestiona que o goberno “escurra o vulto e non arranxe” os problemas do pavillón de Bueu

"Unha mostra máis da decadencia e da falta de interese do BNG e de...