A lonxa de Bueu despediu o 2022 cun incremento da facturación nun 5% con respecto ao exercicio do 2021. As cifras da plataforma de Pesca de Galicia indican que o pósito bueués pechou o ano cunhas vendas de 3.129.590 euros, case 162.000 euros máis que no 2021.
Nas mesmas estatísticas compróbase que a especie máis vendida ao longo do ano foi o polbo, da que se poxaron case 153 toneladas. Experimentouse tamén un aumento do 32% con respecto ao ano anterior ao venderse 37 toneladas máis. A facturación polas vendas do cefalópodo tamén subiu ata case o millón e medio de euros, un 36% máis, mentres que o prezo medio foi de 9,55 euros por quilogramo.
Xunto ao cefalópodo, o xurelo, a boga, a sardiña e a navalla constitúen as principais vendas na lonxa. Segundo os datos de pesca, poxáronse case 40 toneladas de xurelo, 37 de boga, 28 de sardiña e 27 de navalla.
As estatísticas tamén amosan a baixada dos quilos poxados de ourizo, un dos principais recursos da confraría bueuesa. Este descenso constata a efectividade das medidas levadas a cabo para protexelo e garantir a súa conservación. Así, en 2022 vendéronse algo máis de 27 toneladas de ourizo fronte ás 34 do 2021.
Noutra liña, preocupa a baixada da facturación do percebe que pechou o derradeiro ano como o peor desde que existen rexistros estatísticos. No 2022 poxáronse case 4 toneladas desta especie por un importe de 144.000 euros, cen mil euros menos que no 2021 e confirmando a cifra máis baixa da serie histórica.