O número de persoas desempregadas en Bueu situouse no mes de decembro do 2022 en 636, o que supón un lixeiro ascenso de 13 persoas máis que no mes de novembro pero representa un descenso de 115 persoas con respecto ao peche de 2021. A baixada sitúase nun 15% ao pasar de 751 persoas paradas no mes de decembro do 2021 a 636 persoas en decembro do 2022.
A evolución do paro ao longo do ano rexistrou oito meses de baixada (de xaneiro a abril, de xuño a agosto e outubro), tres de subas (setembro, novembro e decembro) e un sen variacións (maio). O resultado foi un descenso anual xa que xaneiro do 2022 comezou con 750 persoas desempregadas e decembro rematou con 636, 114 menos.
Con respecto ás cifras de decembro, das 636 persoas en busca de emprego, 23 son menores de 25 anos mentres que 613 superan esa idade. Por sexo, 233 son homes e 403 mulleres. Se se pon o foco nos datos por sectores, a gran maioría dos demandantes de emprego atópanse no sector servizos (454 persoas, un 70%). A construción congrega 37 desempregados, a industria 60 e a agricultura e pesca 46, mentres que 39 persoas non contan cun emprego anterior.
Descenso dun 9% na comarca
A situación xeral da comarca tamén é de descenso e O Morrazo pechou 2022 cun 9% menos de persoas desempregadas con respecto a decembro do 2021. Naquel mes rexistráronse 5.316 persoas en busca de emprego mentres que en decembro de 2022 os datos apuntan a 4.830 persoas, 486 menos.
Os datos tamén son positivos na comparativa de anos anteriores. En 2020, por exemplo, Bueu contaba con 901 persoas desempregadas, mentres que en 2019 rexistráronse 754. Ambas cifras son superiores ás de peche do 2022. O mesmo ocorre na comparativa comarcal, posto que O Morrazo despediu 2020 con 6.677 persoas en busca de emprego e 5.880 en 2019.