InicioSOCIEDADEAdeus ao 2022 coa celebración da Carreira Silvestre

Adeus ao 2022 coa celebración da Carreira Silvestre

Publicado o

O evento celebrarase por primeira vez este ano e o prazo de inscrición xa está aberto

Bueu preparase para despedir o ano cunha novidade, a edición da primeira Carreira Silvestre durante a tarde do 31 de decembro. O evento está organizado polos clubs deportivos Corredoiras, Galaicas, a Asociación Veciñal por Beluso e o Concello de Bueu para fomentar o deporte e os hábitos saudables. Ademais dunha carreira e andaina, este proxecto tamén inclúe unhas olimpíadas para a cativada.

A actividade foi presentada esta mañá polo alcalde da vila, Félix Juncal; o edil de Deportes, Ricardo Verde; o secretario de Asbel, Alejandro Piedras e a representante de Galaicas, Ángela Fernández. Todos quixeron destacar que a carreira xurdiu por primeira vez este ano cun marcado carácter social, lúdico e deportivo.

Presentación esta mañá da Silvestre de Bueu, que se celebrará o 31 de decembro.

A primeira edición da Silvestre de Bueu contará con dúas modalidades, carreira e andaina, abertas para a participación de todas as persoas que deben inscribirse a través dun formulario. A saída será ás 18 horas desde a contorna das Lagoas e o circuíto terá unha distancia de 2.5 quilómetros que percorrerá as rúas Johan Carballeira e Montero Ríos, ata a pista da Banda do Río, onde se dará volta en dirección ao Centro Social do Mar, para subir por Eduardo Vincenti ata chegar de novo á zona das Lagoas. Alí as persoas participantes poderán gozar dun chocolate quente, como é tradicional nestas datas.

Desde a organización tamén suxiren que as persoas participantes acudan con camisetas de cores en función da súa parroquia. Beluso estará identificado coa cor azul, Cela co verde, Meiro/Ermelo co vermello, Ons co rosa e Bueu coa amarelo.

Olimpíadas para a cativada

A proposta deportiva complétase cunhas olimpíadas para a cativada que se organizarán a partir das 15.00 horas na contorna das Lagoas. Haberá categorías benxamín (nados no 2013 e 2014) e alevín (nados no 2011 e 2012) para diversas modalidades atléticas: lanzamento de xavelina e de peso, salto de lonxitude e triplo salto, carreiras de obstáculos e carreiras de 50 e 100 metros.

Continúan as actividades de Nadal

Antes de fin de ano, a programación de Nadal continúa ofrecendo propostas para todas as idades. Mañá terá lugar o Concerto de Nadal do Centro Creativo Galego coa actuación do Grupo Instrumental e da Coral Polifónica, que interpretarán música do Nadal. Será no Centro Social do Mar a partir das 20.00 horas e no concerto recadaranse fondos para a Asociación Bicos de Papel de axuda a nen@s oncolóxicos.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...