O goberno local presentará este venres o proxecto de reforma do Pavillón Municipal de Beluso, unha actuación de 1,5 millóns de euros que prevé solucionar as múltiples deficiencias desta infraestrutura, como filtracións e humidades. O acto será ás 17.00 horas na instalación deportiva e contará coa presenza do alcalde e do edil de Deportes así como dos técnicos redactores do proxecto. Tamén están convidados a asistir representantes de colectivos e veciñanza en xeral.
“Nesta obra tamén se apostará pola eficiencia enerxética con solucións innovadoras e adaptadas aos tempos que vivimos”, avanzou o rexedor, Félix Juncal. A infraestrutura necesita unha actuación para cumprir co código técnico e Juncal lembra que actualmente conta cun deficiente illamento da soleira de formigón, danando tanto a pista como os vestiarios. O obxectivo é resolver esas eivas, que xa hai uns anos foran advertidas á Deputación, que foi quen acometeu as obras.
Para acometer a actuación o Concello explorará varias vías de financiamento, como os fondos Next Generation dentro das axudas do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos. O proxecto tamén será enviado á Secretaría Xeral para o Deporte. “Buscaremos a sinatura dun convenio de colaboración para que a Xunta de Galicia cumpra co acordado nas reunións mantidas”.