InicioSOCIEDADEA asociación veciñal de Ons pide "o cesamento inmediato" do presidente do...

A asociación veciñal de Ons pide “o cesamento inmediato” do presidente do padroado

Publicado o

O Padroado do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia celebrou onte a súa reunión anual,na que a veciñanza de Ons conta con representación desde 2021. Nesta ocasión foi a través da secretaria da asociación veciñal da illa, Carmen García, nun encontro no que se trataron diversas cuestións como o soterramento do tendido eléctrico, o destino dos fondos europeos ou as axudas da área socioeconómica.

Ao remate da reunión, a Asociación de Veciños e Amigos de Ons pedía “o cesamento inmediato” do presidente do padroado, Fernando Garrido Valenzuela. Esta reclamación vén motivada polo sucedido despois de que a representante veciñal formulase unha pregunta sobre as axudas da área socioeconómica para a rehabilitación de vivendas. O director-conservador do parque comprometeuse a convocar reunións técnicas. “A partir desta pregunta o presidente do padroado fai unha ameaza á representante da asociación veciñal de que non pidamos esas reunións e dicindo que calásemos porque por el mandaban un inspector urbanístico”, explican desde a asociación da illa. Desde o colectivo consideran “moi grave” o ocorrido xa que o obxectivo das reunións solicitadas é “cumprir a normativa sectorial tanto urbanística como ambiental” e recordan que Valenzuela “xa fixo ameazas respecto ás queixas polo pago das concesións da veciñanza”.

Reunión do Patronato do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O soterramento do tendido eléctrico rematará entre 2023 e 2024

Os veciños explican que tampouco puideron formular todas as preguntas, aínda que finalmente foi o director conservador quen contestou ás cuestións. Con respecto á pasarela de madeira de acceso á praia de Area dos Cans, indicouse que vai ser substituída por unha nova con financiamento da Axencia Galega de Turismo. Este asunto xa fora tratado na reunión do ano pasado, ao igual que a mellora dos camiños de acceso a Chan da Pólvora e Pereiró, que serán arranxados cun grixo especial.

O colectivo tamén se interesou pola situación do soterramento do tendido eléctrico, que concluirá entre o 2023 e 2024. Así, o tramo soterrado en Canexol e Pereiró será conectado ás casas ao longo do vindeiro ano. O padroado tamén avanzou os proxectos que se van desenvolver nos próximos anos con cargo aos fondos europeos para iniciativas no ámbito da biodiversidade. Tamén se prevé a renovación dos sistemas de depuración de augas residuais de Ons e a construción de dous depósitos de auga para dar traída de auga ás casas da veciñanza.

A representación veciñal tamén rexeita a actitude dun representante do Ministerio. “Non ve con bos ollos que as axudas da área socioeconómica sexan destinadas á rehabilitación das casas”, apuntan. Desde a directiva recordan que “o parque non só ten obrigas coa conservación ambiental senón tamén co patrimonio cultural como o etnográfico e o inmaterial”.

Finalmente, o colectivo alude a que as respostas foron as mesmas que no encontro anterior e consideran que “os compromisos de obras van quedar en saco roto”. Agardan tamén que o Concello e a Consellería convoquen a Mesa de Ons.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...