InicioMEDIO AMBIENTEO Concello promoverá unha mellora ambiental e integral do paseo de Agrelo

O Concello promoverá unha mellora ambiental e integral do paseo de Agrelo

Publicado o

O consistorio xa solicitou ao Servizo Provincial de Costas a concesión administrativa para poder acometer a actuación

O Concello promoverá unha actuación de mellora ambiental e integral na zona do paseo de Agrelo-Portomaior, que hai anos recibiu o nome de Paseo José Solla. Para poder executalo, o Concello presentou a comezos desta semana a solicitude de concesión administrativa no Servizo Provincial de Costas. O seguinte paso é a presentación do proxecto á veciñanza, que será este venres ás 18.00 horas no Centro de Interpretación de Agrelo.

O proxecto co que conta o executivo bueués está valorado en 1.3 millóns de euros e consistirá na implantación dunha plataforma única con espazos diferenciados para vehículos e peóns nunha franxa. A prioridade será para viandantes e ciclistas, restrinxindo o paso dos coches estritamente necesarios e a unha velocidade reducida.

A actuación tamén prevé a instalación dunha grada con vistas ao mar na contorna do Centro de Interpretación de Agrelo, así como a dotación de mobiliario urbano e árbores. O obxectivo é ofrecer unha mobilidade amable, para o uso e goce por parte da cidadanía, como outras actuacións que se desenvolverán en Beluso ou na Canceliña.

Vista aérea do proxecto de mellora de Agrelo. Imaxe: Concello.

O alcalde, Félix Juncal, sinala que a mellora de Agrelo é unha “actuación importante e ambiciosa desde o punto de vista medioambiental” e que suporá unha rexeneración da fronte marítima. Destaca tamén a aposta pola mellora nos espazos e no mobiliario urbano. “Será un referente máis e que sitúa a Bueu no mapa dos concellos vangardistas e un reflexo das liñas estratéxicas aprobadas nestes anos, como o PACE ou o PMUS”, explica.

Desde o goberno local indican que levan xa tempo traballando na ideación deste proxecto e tanto o alcalde como o edil de Urbanismo, Martín Villanueva, xa mantiveron varias reunións cos responsables do Servizo de Costas. “Permitiunos trazar as liñas básicas e esenciais para poder contar coa concesión administativa, agardamos que non exista ningún impedimento e se poida conseguir sen problema”, conclúen.

Todas as novidades do proxecto serán explicadas este venres no acto de presentación, para o que se deberá confirmar asistencia a través do correo comunicacion@concellodebueu.gal ou no teléfono 673256450.

ÚLTIMAS

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...

O PP denuncia a “falta de limpeza” na contorna do CEIP A Torre-Cela

"Un alcalde que faí oídos xordos ás peticións da veciñanza e pon unha venda...

A transformación do antigo cemiterio cinco décadas despois

O antigo cemiterio de Bueu, na contorna da Igrexa de San Martiño e clausurado...

A obra de acceso ao peirao de pasaxeiros, co recheo de cemento na praia, “carece de permiso” de Costas

O Servicio Provincial de Costas de Pontevedra vén de confirmar a Anduxía que a...