InicioECONOMÍAJuncal destaca a importancia do emprego industrial do polígono de Castiñeiras nunha...

Juncal destaca a importancia do emprego industrial do polígono de Castiñeiras nunha visita a Lago Paganini

Publicado o

Máis de 700 persoas traballan no parque empresarial | A ampliación duplicará a superficie de solo industrial

Bueu vén de acadar unha cifra récord de emprego ao situar a taxa de desemprego no mes do outubro nun 11,73%, a porcentaxe máis baixa deste indicador desde o ano 2007. Así o trasladou esta mañá o rexedor, Félix Juncal, nunha visita á fábrica de Conservas Lago Paganini no Polígono Industrial de Castiñeiras, acompañado por responsables da empresa e polos edís Xosé Leal e Agustín Gallego e a concelleira Silvia Carballo. O alcalde tamén avanzou detalles sobre o vindeiro incremento dos espazos de estacionamento e a futura ampliación do parque empresarial, que duplicará o seu solo industrial.

Esta posta en valor do emprego industrial enmarcouse dentro do percorrido que os membros do goberno local realizaron pola fábrica de Lago Paganini, que forma parte do polígono desde o ano pasado e na que actualmente traballan 140 persoas, aumentando un 30% o persoal con respecto á situación previa ao traslado. Anteriormente, as instalacións desta conserveira situábanse nunha nave na Portela, despois do incendio na fábrica de Ojea no 2011.

Os membros do goberno local e os responsables de Lago Paganini intercambiaron valoracións sobre o emprego industrial.

“Costounos poñela a punto e houbo retrasos, fai un mes que estamos en plena produción despois de máis dun ano nestas novas instalacións”, explicou o responsable da empresa, Manuel Lago. Á posta a punto da maquinaria sumáronse as subas de prezos de aceites, envases ou do gas que empregan para a esterilización das conservas. Tanto Concello como empresa cruzáronse agradecementos polo traballo realizado para o traslado da conserveira ao polígono.

Lago Paganini dedícase á elaboración de produtos en conserva con especialidade no peixe azul como sardiña, agulla ou chicharro. Precisamente, moitos dos produtos que empregan son frecuentemente mercados na lonxa bueuesa. A conserveira traballa tanto para as súas marcas propias, Balea e Lago Paganini, como para outras externas.

Máis estacionamento e solo industrial

O alcalde aproveitou a ocasión para detallar algúns dos aspectos da vindeira ampliación do parque empresarial. Antes diso, avanzou que xa están traballando no incremento das prazas de aparcamento cun proxecto para o vindeiro ano que se presentará ao Plan Concellos 2023 para habilitar un espazo próximo á ITV como zona de estacionamento con 30 prazas.

A outra actuación terá que ver coa cesión por parte da Deputación do tramo de estrada provincial que se sitúa entre as dúas rotondas centrais e no que xa aparcan vehículos. “A idea é ter a cada un dos lados estacionamento en batería con cerca de 200 prazas, está pendente da autorización da Xunta para a transferencia da vía”, explicou Juncal.

A seguinte fase enmárcase xa na futura ampliación do parque empresarial, que duplicará a superficie de solo industrial. “Está previsto comezar a tramitación”, avanzou o alcalde.

623 persoas desempregadas en novembro, 106 menos que no 2021

Nesta mesma mañá déronse a coñecer os datos de desemprego do mes de novembro, no que Bueu conta con 623 persoas desempregadas. Esta cifra supón un incremento de quince persoas con respecto ao mes de outubro, pero unha baixada de 106 persoas na comparativa anual xa que en novembro do 2021 o municipio contaba con 729 demandantes de emprego.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...