InicioPOLÍTICAO pleno acorda resolver o contrato da obra de reforma da biblioteca...

O pleno acorda resolver o contrato da obra de reforma da biblioteca municipal

Publicado o

O pleno aprobou na sesión extraordinaria desta mañá resolver por mutuo acordo o contrato administrativo da obra de reforma da Biblioteca Municipal Torrente Ballester. A proposta de resolución do contrato saíu adiante cos votos a favor de BNG e ACB mentres que o PP se abstivo e o PSOE non estivo presente na sesión.

A situación veu motivada despois de que a empresa Obras Gallaecia presentara un escrito no que alegaba diversas cuestións polas que non podía facer fronte á execución. Entre elas figuraban cambios nas características da empresa e na súa organización ou o incremento da obra privada coa eficiencia enerxética. O alcalde, Félix Juncal, destacou tamén que a circunstancia que provocou a rescisión foi “o incremento substancial dos prezos dos materiais de construción, como os siderúrxicos”.

Un momento da sesión plenaria extraordinaria que se celebrou esta mañá.

Ante isto, Juncal defendeu a necesidade de realizar a resolución de mutuo acordo para axilizar os tempos e licitar de novo a obra para cumprir cos prazos do financiamento. “O máis seguro para poder iniciar sen alteracións futuras é resolver por mutuo acordo e sen incautación da garantía”, afirmou Juncal.

A voceira do PP, Elena Estévez, manifestou que o seu grupo ía absterse, a pesar de ter apoiado a rehabilitación do edificio. “Estase deixando de lado cal foi o verdadeiro motivo”, sinalou a popular, á vez que incidiu na parte de culpa da administración na demora da entrega do estudo xeotécnico e nas súas consecuencias para a empresa. “No escrito da empresa non se fai mención ao incremento dos prezos, que si aparece na proposta de Alcaldía”, concluíu Estévez.

O grupo do PP no Salón de Plenos durante a sesión plenaria.

Pola súa parte, o voceiro de ACB, Julio Villanueva, manifestou o voto favorable do seu grupo por “coherencia co goberno e coa cidadanía pola necesidade de mellora do edificio” e lamentou a falta de financiamento da Xunta de Galicia para outras actuacións.

Prazo de execución

Cómpre sinalar que para esta reforma e ampliación da biblioteca municipal foi solicitada a axuda do programa ReacPon da Deputación, cuxas actuacións deben estar finalizadas o 30 de abril. Ao comezo da sesión plenaria desta mañá, Juncal sinalou que “todo apunta a que se prevé ampliar o prazo“, o que permitirá asegurar a execución da obra.

O rexedor, Félix Juncal, durante a súa intervención.

Ante isto, a voceira do PP, Elena Estévez, sinalou que como deputada provincial non tiña constancia desta ampliación. “É un prazo restritivo, hai concellos que xa están presentando renuncias dos proxectos como Cotobade”, concluíu.

ÚLTIMAS

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...

O PP denuncia a “falta de limpeza” na contorna do CEIP A Torre-Cela

"Un alcalde que faí oídos xordos ás peticións da veciñanza e pon unha venda...

A transformación do antigo cemiterio cinco décadas despois

O antigo cemiterio de Bueu, na contorna da Igrexa de San Martiño e clausurado...

A obra de acceso ao peirao de pasaxeiros, co recheo de cemento na praia, “carece de permiso” de Costas

O Servicio Provincial de Costas de Pontevedra vén de confirmar a Anduxía que a...