José Benito Otero Baena naceu en Bueu en 1925 e ademais de ser alcalde da vila durante oito anos, mantivo unha vocación artística que o elevou a ser recoñecido como un dos mellores espatulistas da arte galega da época. Baena faleceu no 2017 e cinco anos despois, a súa familia e o Concello de Bueu veñen de crear o Certame de Pintura Otero Baena. O obxectivo non é só dar a coñecer a figura de Otero Baena entre a sociedade bueuesa, senón tamén crear un espazo de promoción da pintura entre os artistas noveis.
O certame, que será bienal, foi presentado o venres no Salón de Plenos do Concello nun acto no que estiveron presentes os fillos do pintor bueués, Marta Otero e Tito Otero; a neta e deseñadora, Chus Rojo; o alcalde da vila, Félix Juncal e o edil de Cultura, Xosé Leal. Todos incidiron na importancia que terá este concurso, que se convocará por primeira vez no 2023 e cuxas bases se prevé que se publiquen no mes de xaneiro.
Nese momento será cando se dean a coñecer todos os detalles do certame, pero algúns deles xa saíron á luz, como que está incluída unha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa no mes de xullo, mes no que terá lugar a gala de entrega do premio. Unha sala que, precisamente, foi inaugurada cunha exposición do propio Otero Baena.
Outro dos aspectos que engadirá valor a este evento será o xurado. Aínda que non se pode desvelar aínda o nome dos seus integrantes, xa se sabe que ademais de artistas de prestixio, haberá representantes da Fundación Laxeiro, o Museo Massó e a Facultade de Belas Artes. “Será un reclamo e Bueu será un referente a nivel cultural, agora tamén coa pintura”, apuntou Marta Otero.
Desde a parte institucional, o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, quixo destacar a importancia de dar a coñecer a figura de Otero Baena entre as xeracións máis novas así como da promoción de novos creadores e creadoras. “É un emblema cultural que se suma a outros premios do Concello”, sinalou. Pola súa parte, o alcalde, Félix Juncal, salientou que este certame “formará parte do noso patrimonio inmaterial” así como que permitirá manter vivo o legado de Otero Baena.
Na presentación estivo presente un dos cadros do artista que representa unha carballeira. Nesta mesma liña, a neta de Otero Baena, Chus Rojo, deseñou un cartel para promocionar o certame. Nel empregou os mesmos elementos que o seu avó acostumaba pintar, como temas marítimos ou relacionados coa natureza. “Fixen o mesmo coas cores, utilizando amarelos, verdes e azuis”, explicou.
Os actos homenaxe a Otero Baena comezaron en xullo coa colocación dunha placa na antiga casa do artista, na rúa Eduardo Vincenti. Agora, trala convocatoria deste concurso artístico de primeiro nivel, a familia tamén persegue poder crear unha Casa Museo para expoñer a súa obra.