InicioPOLÍTICA"Trátase de crear un pobo intelixente que utilice todos os seus recursos...

“Trátase de crear un pobo intelixente que utilice todos os seus recursos e xere oportunidades de traballo”

Publicado o

O pasado mes de outubro, o PSOE de Bueu elixiu ao seu candidato para as eleccións municipais do 2023. Trátase de Camilo Macenlle, de 64 anos de idade e vencellado ao partido desde os 24. Macenlle afronta “con ilusión” os vindeiros meses, antes dos comicios, e xa prepara algunhas das propostas que poderían conformar o seu futuro programa electoral.

Por que decidiu ser o candidato do PSOE para as vindeiras eleccións? Que o motivou a tomar esa decisión?

Cando mo plantexaron, non entraba dentro dos meus plans de futuro e colleume un pouco de sorpresa. Presentarme ao Concello para facer política local tal e como se está facendo, arranxar calles e xardíns, non me creaba un reto intelectual que a estas alturas me interesase. Deime conta de que hai un problema que teñen todos os pobos pequenos. Bueu tiña unha identidade histórica ata fai pouco, pero a está perdendo e cada vez máis. Non é un problema exclusivo de Bueu. Esa perda de identidade é derivado de que se fai política local baseada maiormente nas axudas e nos recursos externos e non controlas o teu futuro. O que me motiva é vir a cambiar todo isto e, dalgunha maneira, o xeito de facer política. 

A súa primeira experiencia en política foi en Marín con 24 anos. Como foi esa etapa? De que lle serviu?

Era unha etapa de enfrontamento, de esquerdas contra dereitas e o diálogo case non existía. Eran os inicios do que temos hoxe. Eu viña da universidade, das manifestacións e aquilo era todo menos facer política local.

Que pensa que pode aportar á veciñanza de Bueu?

A veciñanza tense que implicar, porque senón non hai nada. En proxectos pilotos como na España Vaciada, mesturado coa axenda 2030 de París, a veciñanza sempre está no centro. Non se pode entender a política local sen a participación cidadá, pero non é pedir e non dar, ten que entrar ata o cuarto de atrás do Concello. Hai que pensar que no Concello, dalgunha maneira, son empregados dos cidadás e o cidadán ten que estar atento, as aplicacións informáticas permitirían todo iso. É fundamental tamén na toma de decisións.

Camilo Macenlle, candidato do PSOE á Alcaldía, despois da entrevista.

“TEMOS QUE UTILIZAR OS RECURSOS DO POBO PARA CREAR OPORTUNIDADES PARA A XUVENTUDE”

Comentou o día da súa presentación que tiña unha preocupación polo futuro da xuventude. Que hai que facer para melloralo? Que alternativas pode ofrecer a vila?

Un pobo intelixente e que quere avanzar ten que ler cales son os seus recursos, poñelos en valor e utilizalos dunha maneira intelixente coa tecnoloxía informática e sendo compatible co medio ambiente, coa igualdade de xénero, é dicir, a axenda 2030. Temos que utilizalos para crear oportunidades para a xuventude. Estou nunha fase de ter reunións. Estiven con xente vinculada ao sector do mexillón e que me dicían que o mar en Bueu está en decadencia e xa non hai posibilidade de recuperalo. A pesca de baixura é unha realidade actual en decadencia e non hai futuro aí. Un produto que funciona con fortaleza é o mexillón e hai que ver que se pode facer nese sector, aproveitar esa fortaleza. Outra delas que está infrautilizada son os montes en man común das comunidades de montes. Aí non temos competencias pero si a vontade de colaborar con eles. Por exemplo, cunha fábrica de pélets, ao limpar os troncos eliminas o risco de incendio e aproveitas a biomasa, podes facer pastoreo combinado… Outra idea na que estamos traballando é a da vivenda social, un tema complexo e que non se acaba de encontrar a vía. Hai que ter vivenda social para ofrecerlle á xente moza a un prezo asumible, en solo urbano e rural. Está entrando en España o proxecto de vivendas colaborativas, co-housing, que serían unha forma de afrontalo. Pensamos tamén, co sector madeireiro e cos pélets, nunha fábrica de vivendas prefabricadas. Trátase de controlar o noso futuro: cos pélets controlarías o teu abastecemento enerxético. Se controlas a creación de postos de traballo, a identidade do pobo volvendo a poñer en valor as festas populares, dalgunha maneira empezas a controlar o futuro. Se fas política pensando en que a Deputación che mande 100.00 euros para unhas beirarrúas, ti non controlas o futuro, senón que o fai a Deputación e o Estado e se invertes o diñeiro onde a eles non lle gusta, non cho mandan. Trátase de crear un pobo intelixente que utilice todos os seus recursos e que xere oportunidades de traballo. Todo isto está relacionado coa ampliación do polígono industrial, a creación dun viveiro de empresas, espazos de coworking, seguimento das empresas que nacen, fomentar a creación de empresas…

Outra das ideas principais que adiantou na súa elección como candidato foi a creación dunha adega para a promoción do  viño Tinta Femia. Como sería?

Entraría nun proxecto relacionado coa axenda 2030 e o aproveitamento dos recursos. A uva tinta femia actualmente está espallada, con áreas de cultivo pequenas e complicadas e a formación dos colleiteiros, daquela maneira. Non somos fortes pero ten unha oportunidade de recuperación dunha uva, unha tradición, unha forma de vivir e de poñer en valor un produto. Facer unha adega de última xeración con todas as tecnoloxías e cunha zona estable de cultivo e cooperativistas. Tiven unhas reunións preliminares e o punto de partido é que a xente que está alí é xente maior que di que a xuventude non quere participar. Para poder dedicarte necesitas regularmente un soldo que che permita vivir. Para que o meta no meu programa teño que detectar que ten unha acollida. 

Camilo Macenlle no día da súa presentación como candidato do PSOE.

Ese mesmo día defendeu a necesidade de “definir un turismo de calidade”. Que falla agora? Como se podería cambiar? 

O turismo evidentemente é a fortaleza máis grande que ten Bueu, baseado neste momento na hostalaría e nas praias. Temos que repensar se queremos ir a un turismo de calidade ou de masas. Nós apostamos por un turismo de calidade, que implica poñer en valor as tradicións e a cultura local e que funcione todo o ano. Hai que facer unha política de eventos periódicos para atraer xente. Aquí loxicamente entran as obras, unha pata moi importante para o turismo é ter un pobo adecentado e bonito. Unha obra estrela que pretendo facer e que probablemente exceda a lexislatura é o paseo do fronte marítimo de Bueu, agora é unha sucesión de desfeitas, un anaco de beirarrúa, un pouco de cemento….é un caos.  Hai que repensalo, pero cun paseo ben ordenado, peonalizado, con coches en parkings subterráneos, cunha plataforma peonil. Hai unha serie de obras que van apoiar o turismo, como ese paseo do Bispo ou o paseo de Tuia, este fronte marítimo e o paseo de Agrelo que xa tiña que estar feito hai anos e ampliado. Con todo iso, implantar aplicacións tecnolóxicas. Teño moitas ideas, pero o que imos facer é o primeiro plan tecnolóxico do turismo de Bueu para fortalecer o turismo de calidade de Bueu. Sempre tendo en conta que ten que xerar postos de traballo e facilitar calidade de vida, tendo como o centro de todo aos cidadáns de Bueu e despois aos turistas. 

“Temos que frear a perda de patrimonio e recuperar a identidade de bueu”

Félix Juncal fará 16 anos ao fronte do goberno local o vindeiro ano, antes das eleccións. Como valora o seu goberno e a súa política?

Valoro estes anos non só de Bueu, senón de todos os pobos pequenos, como unha política que quedou obsoleta, que non serve para resolver problemas. A xuventude máis preparada da historia de España está practicamente fóra ou aquí pero cun futuro moi incerto, sen moitas expectativas e vén derivado de catro cousas que hai que combater. Temos que frear a perda de patrimonio e recuperar a esencia e a identidade de Bueu, porque iso xera pertenza a un pobo. Bueu non se sabe cara onde camiña, se non tes industrias aquí nin traballo. As festas son de orquestra pero non de entender o sentido. É fundamental un arquivo histórico das historias persoais da xente, das costumes… Tamén a vivenda social, é moi difícil que te quedes aquí, se non tes traballo e tes dificultades para vivir…Que hai que te reteña? Pero non é un problema de Bueu nin de Félix, é un problema de que a política local necesita cambiarse. Os políticos actuais ás veces non son capaces de saír e mirar desde fóra.

Ademais de a Félix Juncal, faralle fronte a outra cara tamén coñecida da política local como é Elena Estévez, candidata do PP.  Como valora a oposición? 

Cando estiven no Concello fun oposición, pero os tempos cambiaron. Facer oposición é moi monótono e ilusiona moi pouco. Preséntaste para defender o teu proxecto e tes que estar atento e facer oposición. Fun aquí a algún pleno e o que se comenta é todo tan teórico, moito do que se trata son mocións que xa veñen coordinadas e de teoría política que non lle interesa ao pobo para nada. A min venme aquí a dicir imos facer un plan de estratexia turística e imos a reflexionar e facer grupos de traballo e son o primeiro. Non me gusta a oposición política, gústame a construción política. Non tes que estar no goberno para participar de verdade, os que están no goberno son os que controlan máis.

Sucede como candidato a José Manuel Vilas. Pódese dicir que nos últimos meses o PSOE non estivo presente en moitas sesións plenarias. Como valora este cambio?

Cando me presentei, consultei con algúns compañeiros. O PSOE neste momento ten dous concelleiros. Nas eleccións xerais, o PSOE xunto con PODEMOS é a forza máis votada ,por enriba de PP e BNG. Hai unha intención que non se aproveita nas eleccións locais. Os compañeiros dicíanme que dá a sensación de que o PSOE en Bueu se presenta un pouco para cubrir o expediente de que en Bueu hai que presentar unha candidatura socialista, pero non hai unha intención de construír un proxecto gañador que ilusione. Ese foi o problema do PSOE en Bueu ata agora. A xente participa pouco e hai que ilusionala co proxecto.

O día da súa elección contou co respalo dos socialistas bueueses e do secretario xeral do PSOE en Pontevedra, David Regades.

Nas últimas eleccións o PSOE obtivo 889 votos, lonxe dos 1.957 do PP e 2.907 do BNG. Vese capaz de cambiar esta situación? Como?

Veño a gañar, se non estou convencido de que vou a gañar para vir á oposición non me metería. Quero axudar a transformar este pobo. Vou a falar con todas as persoas que teñen certa influencia na vida social de Bueu, con todas as empresas, con todas as organizacións, con todo o que pode facer algo por Bueu e plantexarlle sumarse a un proxecto de transformar Bueu. Veño a cambiar a forma de facer política e apropiarnos en certo porcentaxe do futuro de Bueu para que dependa maioritariamente de nós, non da Deputación, da Xunta nin do Estado. Non veño a facer oposición ao BNG nin ao PP, non me interesa. Veño a cambiar Bueu e a facer un Bueu intelixente.

“Bueu é consciente de que a súa xuventude está fóra e temos que xerar un futuro para Bueu”

Está traballando xa na selección das persoas do seu equipo para a candidatura? Que perfís haberá?

A xente é reticente a participar en política e poñerse en primeira plana, é complexo encontrar os equipos. A maneira de organizar que imos ter é crear consellos externos, por exemplo, da cultura, da economía…Serían grupos de persoas que dalgunha maneira deseñan a teoría política do proxecto. No tema de turismo hai dúas cousas que penso facer que é deseñar unha serie de souvenirs relacionados coa identidade de Bueu e un espazo de promoción e venta dos teus produtos, de maneira física e online para conectar o turismo virtualmente. Os produtos poden ser físicos ou turísticos, como un paseo pola ría. Vai depender de equipos que deseñen todo iso. Necesita equipos externos e persoas físicas que me axuden na xerencia de proxectos concretos. Cada cousa terá o seu xerente, se poñemos algo de agricultura ecolóxica pódese facer un mercado cos produtos. Van ter que ser equipos externos, voluntarios ou non, xa se verá, pero imos necesitar moita xente arredor.

Que agarda dos vindeiros meses? Como se sente de cara á vindeira campaña despois de tomar a decisión?

Estou ilusionado, no momento que vexa que non me ilusiono, voume, se vexo que veño a facer cousas monótonas. Son consciente de que o que teño na cabeza vaime dar moito traballo, pero teño que ver grados de avance, non retroceso. Estou ilusionado e creo que Bueu é consciente de que a súa xuventude está fóra e temos que xerar un futuro para Bueu, facer un Bueu intelixente que avance para adiante e que non retroceda. O que lle pido aos bueueses é que pensen no futuro dos seus fillos, que pensen neles, non na paixón que teñen por certo partido, que pensen cal é a mellor opción para os seus fillos.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...