InicioECONOMÍABueu acolle un novo mercado ecolóxico e artesanal con 21 postos

Bueu acolle un novo mercado ecolóxico e artesanal con 21 postos

Publicado o

O Concello de Bueu presentou onte unha nova edición do mercado ecolóxico e artesanal, que terá lugar o próximo domingo 27 na carpa das Lagoas. Os produtos ecolóxicos e artesanais serán os protagonistas dun evento no que tamén haberá oco para actividades complementarias.

Tal e como explicou a técnica de desenvolvemento local municipal, Sonia Cabodevila, a cita contará con 21 postos dunha ampla variedade e nos que estarán representados sectores de alimentación, artesanía, comercio xusto, queixos, meles, embutidos, pan, viños ou horta. A veciñanza poderá achegarse en horario ininterrompido de 11 a 20 horas.

A técnica de desenvolvemento local, Sonia Cabodevila, o alcalde, Félix Juncal e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, durante a presentación do mercado ecolóxico onte no Concello.

Ademais, o evento ofrecerá unha experiencia completa ao contar con diversas actividades nos que a sostibilidade será predominante. Ás 12 horas haberá unha cata de cervexa de mirabel con Salvador Martínez, de Maribel do Rosal. A continuación, ás 12.30 horas, o presidente da Comunidade de Montes de Couso (Gondomar), Xosé Antón Arauxo, impartirá un coloquio sobre as experiencias de xestión agroforestal. Algunhas das iniciativas que desenvolve este colectivo pasan polo cultivo de cogomelos ou de froitos do bosque, sempre baixo o obxectivo de explotar o monte desde outra perspectiva.

A mañá rematará coa actuación da charanga BCB, ás 13.15 horas, para animar o ambiente. Para o xantar haberá un posto gastronómico a cargo de Il Popolo con especialidades de outono e opcións veganas. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, terá lugar un obradoiro infantil de elaboración de queixos a cargo da empresa Valilongo. Ofértanse 25 prazas con inscrición previa de balde a través da web municipal.

Precisamente, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, destacou a ampla variedade de actividades. “É un mercado concibido para pasar todo o día en familia, sempre ofrecemos propostas diferentes e que teñan repercusión na xente”, explicou.

Pola súa parte, o alcalde, Félix Juncal, incidiu no amplo percorrido deste mercado, que xa conta con máis de dez anos de historia. Juncal apuntou a que existe un paso previo comprobación e certificación para que os produtos á venda sexan ecolóxicos e artesanais, un feito moi valorado tanto por consumidores como por vendedores. “É un proxecto que demostra o compromiso deste goberno polos produtos locais, de quilómetro cero, e a concienciación na sociedade”, concluíu.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...