Desde o Partido Popular de Bueu critican “a falta de atención e limpeza que sofren as dependencias municipais“, un feito que consideran “que se agravou debido a un aumento do uso e á non incorporación de novo persoal. A voceira, Elena Estévez, sinala que esta situación está a producirse en espazos como a Casa da Música ou os edificios das parroquias e relaciónaa cunha “nula planificación e improvisación do desgoberno de Juncal”.
Estevéz apunta a que estas instalacións amosan falta de atención ante “a ausencia de persoal para limpalos”. A popular explica que diversos colectivos e persoas criticaron nos últimos días esta falta de mantemento. “A Casa da Música non foi limpada en profundidade desde setembro, con só algunha limpeza rápida nos baños”, indica. Así, incide na necesidade de reforzar as brigadas municipais. “Temos un goberno local que predica a defensa do traballador público e que prefire contratar empresas externas deixando as brigadas baixo mínimos”, afirma.
Nesta liña, a voceira do PP apunta directamente á Relación de Postos de Traballo que foi aprobada en febreiro. “Pretendeuse vender como a nai das solucións aos problemas municipais e non resolveu nada, o documento é incompleto e xa se atopa no xulgado Contencioso-Administrativo”, critica. Estévez culpa a Juncal “de non desenvolvela de forma correcta e agravar os problemas de persoal nos departamentos” e demanda “un cambio de políticas no eido do persoal, apostando polo rigor e a planificación”.