O Apalpador, a tradicional figura do Nadal galego, visitará este ano 46 concellos da man da Deputación de Pontevedra e o seu programa “Nadal en Galego”. Entre eses municipios atópase Bueu, que recibirá ao Apalpador xunto ao acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor.
Nos vindeiros días concretaranse as datas e horarios para cada localidade, que se publicarán na web da Deputación. As primeiras xornadas, entre o 19 e o 22 de decembro, contarán con actividades só pola tarde ao haber aínda clases polas mañás. Porén, no resto de datas haberá dous eventos pola mañá e dous pola tarde ata o 4 de xaneiro.
Ademais de Bueu, o Apalpador pasará polos demais municipios do Morrazo. A dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable serán algúns dos valores que fomentará. As actuacións levarán a música, o baile e as anécdotas a todos os recunchos.