As XXXIII Xornadas Micolóxicas, organizadas pola Asociación Micolóxica Liboreiro co Concello de Bueu, terán lugar desde mañá mércores ata o venres. Tres días nos que a micoloxía será a protagonista a través de diversas actividades como coloquios ou mesmo unha mostra filatélica no Centro Social do Mar.
O principal obxectivo desta proposta é achegar o mundo micolóxico ao público xeral, contando cun punto de vista divulgativo. As charlas serán a partir das 20.30 horas e comezan mañá cun coloquio arredor do documental “Entre pastores e lobos”. Participarán o director e guionista, Manuel Pedrosa, a coguionista, Mariam Mariño e Pedro Alonso, biólogo especialista no estudo do lobo e coguionista. Este filme narra a historia unha das maiores poboacións de lobos de Europa no noroeste da Península Ibérica e mostra a complexidade dos ciclos naturais das montañas.
O mércores será a quenda de Marisa Castro, profesora xubilada da Universidade de Vigo e directora científica de MycoGalicia Plantae, e que ofrecerá a charla “Historia da divulgación e investigación micolóxica en Galicia”. O xoves será Julián Alonso, da Sociedade Micolóxica Lucus, quen fale sobre a “Macromicobiota das montañas do Courel”. Os coloquios pecharanse o venres con Óscar Requejo, do Grupo Micolóxico Galego, con “Familia Phallaceae”.