InicioPOLÍTICA"É moi evidente o descontento da cidadanía co goberno e con Félix...

“É moi evidente o descontento da cidadanía co goberno e con Félix Juncal”

Publicado o

Elena Estévez, voceira do PP de Bueu, vén de ser elixida como candidata á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de maio do 2023. Esta será a segunda vez que Estévez encabece a candidatura, tras facelo en 2019, cando volveu á política activa. Fíxoo despois dun período onde se afastou tras ser alcaldesa de 2004 a 2007 a través dunha moción de censura.

Que balance fai destes últimos tres anos na oposición?

Levaba doce anos fóra da vida municipal e tocou volver. Fago un balance positivo sobre esta volta e a miña participación e o traballo de todo o grupo. De calquera experiencia, un ten que quedarse coas cousas boas e en positivo. A valoración destes tres anos é unha experiencia positiva.

E que balance fai das políticas e proxectos do goberno local?

Entramos nunha visión totalmente diferente. A valoración destes tres anos é medio pódese definir cunha primeira fase, nos primeiros meses, nos que parecía que había iniciativa e ganas de poñer en marcha proxectos. Porén, ao longo destes dous últimos anos atopámonos cunha pasividade e inacción total, que a xente tamén pode percibir na rúa e vai a máis no día a día. Se un repasa un pouco o programa electoral ou as propostas, que este goberno nos leva vendido nos medios de comunicación, en nada se parece ao balance. Hai moitísimas cousas que se quedaron no caixón.

A candidata do PP á Alcaldía nas vindeiras eleccións, Elena Estévez, trala entrevista.

Unha das desconformidades máis grandes que manifestan desde o PP diríxese cara o modelo de xestión da piscina municipal. Que mudarían deste proxecto? Por que o critican? 

A pesar de que o alcalde e o goberno son dados a dicir que estabamos en contra da infraestrutura ou instalación, creo que en ningún momento o PP di que Bueu non teña que ter unha piscina, o que criticabamos e criticamos foi esa inversión millonaria que se fixo. Agora, aínda que xa leva ano e medio funcionando, atopámonos con que o modelo de xestión non o sabemos, a pesar de preguntalo moitas veces en pleno, onde se nos deu largas. Falábase moito da municipalización que o BNG sempre é tan dado a sacar a relucir, pero que despois na práctica convértese en todo o contrario. Estamos a favor do que é a infraestrutura, pero ese modelo de xestión e a forma na que están facendo as cousas está demostrando que os gastos están aí, non só o gasto diario, senón que está todo no aire. Estanse pagando as facturas pero dun xeito… Non hai máis que ver os informes do interventor que continuamente está avisando e alertando de que esta situación non se pode manter moito tempo máis.

“Falouse dunha rpt consensuada e o tempo está demostrando que non era certo”

Tamén puxeron o foco en numerosas ocasións na aprobación da Relación de Postos de Traballo, na que votaron en contra e que o BNG defende para mellorar a situación do persoal municipal. Vostede mesma tamén dirixiu a área de Persoal durante a súa etapa como edila no goberno de Tomás Barreiro. Por que decidiron votar en contra e consideran que o documento non é beneficioso?

Fomos os primeiros en reclamar que a RPT se aprobase, porque o goberno de anos anteriores, con Félix Juncal á cabeza, levaba cada catro anos dicindo que ía aprobar a RPT e non se facía. Ao final, resulta que traen un documento, e no propio expediente se ve, que todos os informes que acompañan a proposta da alcaldía para a súa aprobación, son informes con reparos tanto do interventor, como da secretaria…O tempo está a darnos a razón e xa hai funcionarios que presentaron un contencioso administrativo contra a aprobación. Por suposto que fai falta unha RPT, pero non podemos dicir que como as cousas fan falta se aproban caia quen caia ou por enriba dos informes. O informe que presentou unha empresa externa na aprobación inicial sorprendeu, como dixen no pleno, que na aprobación definitiva non fora esa empresa a que desestimara as alegacións. Falouse dunha RPT consensuada, na que todos estaban de acordo e o tempo está demostrando que non era certo. É complicado contentar a todos, pero tendo en conta as alegacións e os informes que a acompañan, esa RPT non é a que se debería poñer en práctica en Bueu. É necesaria para que recolla as funcións dos traballadores, para o organigrama municipal e para subsanar esa falta de persoal, que si que é certo que as administracións e neste caso Bueu, está sufrindo e se ve no día a día. 

Elena Estévez e o grupo do PP de Bueu durante unha sesión plenaria.

Outro dos temas sobre o que se veñen pronunciando é a limpeza, no que tamén repercute esa falta de persoal. Como consideran esta situación?

Presentamos unha moción hai uns meses para propoñer medidas. O que ten que facer o goberno é que hai unhas prazas vacantes que hai que sacar e cubrir. Non podemos estar desmantelando continuamente a brigada municipal e sorprende que sexa o BNG o que estea levando a cabo este tipo de políticas, que tanto criticaba cando estabamos gobernando. O PP cando gobernou creo que nunca botou man dunha empresa privada ou externa para levar a cabo os labores de limpeza nas rúas. Neste momento estase facendo xa case dunha maneira periódica. A escusa é que non temos persoal, pois un alcalde que defende a municipialización e os traballadores e o persoal público, creo que ten os mecanismos para poñelos en práctica. O máis fácil é dicir que non se pode e acabar recorrendo pola porta de atrás ás empresas de fóra.

“deberíase ser máis ambicioso á hora de poñer en marcha actividades”

Recentemente, celebraron en Bueu unha Comisión de Cultura do PP na que manifestaron que botaban en falta políticas municipais culturais.

Levamos tempo dicindo que hai unha falta de iniciativa e de posta en marcha de actividades total. Os colectivos levan sempre a dianteira e o goberno vai a remolque do que fan e se apunta o tanto de dicir que se fixo porque están aí ou por poñer o logo do Concello nun simple cartel. O concelleiro de Cultura e o goberno teñen que levar a iniciativa. Sacando as catro festas ou catro actividades puntuais no verán e as festas do Nadal, pouco máis temos. Unha demanda tamén da mocidade é esa, a falta de iniciativas, tendo en conta o que se está facendo noutros concellos. Deberíase ser moito máis ambicioso á hora de poñer en marcha actividades e aproveitar todo o bo que temos, a disposición do Museo Massó e o patrimonio cultural e histórico. Aínda que o Museo Massó é titularidade da Xunta, parece que somos compartimentos estancos, é importante entre todos facer un labor conxunto en beneficio da cultura de Bueu.

Cualificaron a demolición da casa de Matilde Bares como unha “pésima noticia”, aínda que a propiedade non contemplou a venda. Pensan que se puido facer máis?

Foi unha proposta que partiu do PSOE e que apoiamos desde o primeiro momento. A sorpresa non só foi que o goberno nun primeiro momento mantivo un rexeitamento total, incluso na comisión informativa chegou a dicir, pouco menos, que eran catro pedras e unha casa, pero… Nós tampouco estabamos falando tanto do valor patrimonial da casa, senón dese valor que ten desde o punto de vista sentimental e que Matilde Bares significou para Bueu. Era unha oportunidade porque o Concello ten unha falta importante de instalacións e edificios. Plantexamos que aí se podía poñer o arquivo municipal e facer ese centro sociocultural e de xuventude. Atopámonos con que se foi á postura máis fácil, de non pelexar e non intentar convencer á propiedade, que o gran problema que tiñan eran dado o estado da fachada, o medo de que puidese pasar algo e había que tomar medidas urxentes. Ao final, un pouco por querer quedar ben, o goberno fixo o amago de intentar negociar, pero creo que eles tiñan claro desde un primeiro momento que non lles interesaba para nada levar a cabo esa tramitación. Faltou iniciativa, xestión e foi unha pésima noticia.

Unha imaxe da Comisión de Cultura do PP en Bueu con Elena Estévez, primeira pola esquerda.

Despois da súa experiencia como alcaldesa, de 2004 a 2007, deixou a política activa. Por que decidiu voltar para as eleccións de 2019?

A pesar de que decidín abandonar a primeira liña, sempre me gustou a vida e a xestión municipal. É certo que cada catro anos se poñían en contacto conmigo pero non o considerei. Foi no 2018 cando Alfonso Rueda, a secretaria Luisa e o presidente da xestora, Manuel Freire, insistiron. Vendo a situación do partido, estabamos con tres concelleiros, a insistencia e as ganas, é certo que estiven de alcaldesa tres anos a través dunha moción de censura, pero nunca encabezara unha candidatura. Para min era todo un reto facelo e poder demostrar que si era posible. Fun a primeira alcaldesa no Concello de Bueu e unha vez que me presento como candidata, tamén consigo e conseguimos xunto o labor de equipo, unindo esforzo e traballo, triplicar o número de concelleiros e foi un resultado moi satisfactorio para todos. 

“CANDO ASUMO O COMPROMISO DE PRESENTARME, TAMÉN O FAGO CON TODAS AS CONSECUENCIAS”

Neses comicios conseguiu dobrar o número de edís do PP, mais non acadar o número suficiente de votos para gobernar. Sopesou naquel momento dar un paso atrás ou foi unha motivación para seguir? 

Unha vez que asumes encabezar unha candidatura, tanto para ben como para mal, o responsable sempre é o cabeza de lista. Foi un moi bo resultado, era impensable que con tres concelleiros poderíamos chegar aos oito ou á maioría absoluta. Deuse un paso moi importante. Cando asumo o compromiso de presentarme, pois o fago tamén con todas as consecuencias e tocoume estar na oposición liderando o grupo maioritario. Unha ten que ser consecuente coas decisións que toma e asumir en cada momento o papel que lle toca representar, neste caso na oposición fiscalizando a xestión do goberno. 

Que a levou a decidir volver presentarse como candidata para as eleccións do 2023?

O mandato deste catro anos pasouse rápido, sufrimos a pandemia da covid e foi un mandato atípico. Dá a sensación de quedan cousas por facer e que me gustaría completar nesta nova etapa que iniciamos fai catro anos. Tampouco tería moito sentido presentarme para volver a marchar e que se busque outra candidatura. Estamos preparados e con ganas de levar adiante e executar, se os resultados nos acompañan, a política que nós consideramos que é preciso facer e pegar un cambio que se fai necesario e que o propio sentir da rúa é un pouco ese, a necesidade de cambio e de xestionar doutra forma, porque as cousas non se están facendo ben. Estase deixando en evidencia a falta de iniciativa, dá a sensación de que se está por estar, que non hai moita planificación e organización á hora de levar adiante proxectos, senón que se limita á xestión diaria e malamente. 

“É IMPORTANTE CONTAR CON XENTE QUE ESTEA INVOLUCRADA”

Cales son as bases nas que se asentará o seu programa?

Temos que continuar traballando e valorando. Iamos cun programa electoral, hai que ir aproveitando todo o recollido durante estes case catro anos en canto a iniciativas e propostas que consideramos interesantes para Bueu. É o momento de plasmalas no programa e temos que avaliar e planificar, unha vez que estea decidido o equipo. O único que queremos é convencer á cidadanía de que son necesarias e de que estamos dispostos a poñelas en práctica se se confía neste grupo. 

Unha das persoas máis vencelladas actualmente ao partido é o bueués Daniel Chapela, que foi nomeado polo presidente Alfonso Rueda como coordinador de cultura do PP galego. Terá Chapela un papel protagonista na súa candidatura?

Daniel Chapela, como o resto de persoas que me acompañan e que o fixeron primeiro na candidatura anterior e agora, haberá un plantexamento das persoas que considero que deben acompañarme para conseguir os maiores resultados. Dani Chapela está aí como están outras moitas persoas, é importante contar tamén con xente que estea involucrada e colaborando, apoiándome neste momento a min como voceira e como a responsable do partido. Todos na súa medida somos necesarios e é cuestión de tempo que se faga o mellor equipo. 

Elena Estévez, candidata á Alcaldía polo PP, na Banda do Río.

Nesta lexislatura liderou a oposición, fronte a ausencia do PSOE que non acudía a algunhas sesións plenarias. Como valora o seu traballo na oposición en comparativa ao do PSOE?

Eran dous concelleiros, cada un ten o seu traballo e responsabilidades que é difícil compatibilizar. A compañeira Elisa tivo que dimitir xa nos últimos meses. E creo que a José Manuel Villas lle sigue pasando tamén, que o día a día do traballo lle dificulta poder dedicarlle tempo. Os tempos sobre facer o labor da oposición si que cambiaron. A administración electrónica permite unha tramitación máis regrada e tes que estar pendente de prazos. Para Vilas é de agradecer o esforzo que fai de estar e calquera persoa que se pon ao fronte e decide dar o paso para formar parte da corporación municipal, xa só por iso, merece que se lle agradeza e se valore o seu esforzo. 

Recentemente, o PSOE elixiu a Camilo Macenlle como o seu futuro candidato. Será un novo actor no panorama político das vindeiras eleccións. Como o afrontan?

É importante a decisión de dar un paso adiante, que decida presentarse xa é para valorar positivamente. Tiven a oportunidade de saudalo no magosto de Cela e Vilas como voceiro xa tiña manifestado que o quería deixar. Todo o proceso que supón un cambio de caras, imaxino para que os votantes e a xente do PSOE lle será un revulsivo, son etapas novas que se inician. A política son ciclos e eles inician unha nova andadura que xa veremos como resulta.

Elena Estévez no día que o PP a confirmou como candidata para os comicios do 2023.

Comentaba o cambio do goberno nos primeiros meses fronte a estes últimos anos. Como foi con respecto aos primeiros mandatos?

Os propios resultados das convocatorias electorais demóstrano. Pásase dunha maioría absoluta a unha absolutísima e neste último pásase a oito e pérdese a maioría absoluta. Eses resultados xa no 2019 evidenciaron unha perda de confianza da veciñanza de Bueu cara a ese equipo capitaneado por Félix Juncal e tampouco se fixo autocrítica, simplemente se limitaron a dicir somos oito, pero temos  un concelleiro que nos está axudando e que nos permite ter os nove da maioría absoluta. Non se ve tampouco ningún ánimo de cambiar nin de intentar mellorar ou facer un cambio na posta en práctica das políticas. No día a día, sobre todo nestes dous últimos anos, é moi evidente o descontento da cidadanía co goberno e con Félix Juncal. 

“xulio villanueva é o noveno concelleiro, non fixo valer o seu voto”

Referíase agora ao goberno bipartito coa entrada de ACB. Que opina do cambio con este goberno en coalición?

Cando tomamos posesión e Xulio Villanueva decide dar o voto na investidura a Félix Juncal., el mesmo dicía que ía dalo, pero para que as cousas se fixeran doutra maneira  e que se ía facer notar. A sorpresa pois é máis do mesmo, é como unha submisión total. Non lle gusta que llo digan, pero é como o noveno concelleiro. Dicía que non quería selo, pero ao final acabárono arrastrando e converteuse niso. Non fixo valer o seu voto para as cousas que Bueu necesitaba que se fixeran doutro xeito, limitouse. Terá que dar as súas explicacións e motivos para dicir porque apostas e predicas unha cousa ,e despois cando chega o momento de votar no pleno, sométeste directamente ao que o equipo maioritario do goberno está dicindo.

Que agarda dos derradeiros meses na oposición?

Entre a candidatura, preparar o programa e compatibilizalo coa xestión diaria e a actividade co Concello. Con ánimo e ganas de tirar para diante. Queda moito traballo por diante, é cuestión de dedicarlle tempo todos os días, non se pode agardar aos días de campaña ou precampaña, é un traballo que temos que facer no día a día. Da xestión municipal pouco espero, vendo que estes últimos anos tampouco houbo moita iniciativa. Seguramente pretenderán  nestes seis meses dicir que se van facer as cousas, o que non se fixo en tres anos, intentarán axilizar prazos e poñer enriba na mesa expedientes que ata agora estiveron gardados no caixón. O tempo é o que é e non creo que dea tempo a moito máis, estamos todos como quen di xa na recta final e na conta atrás.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...