“Onde están os valentes que se atreven a soñar? “. Esta é unha das frases da nova canción de Alise, o nome artístico tralo que se atopa a bueuesa Sara Vázquez. Con tan só 22 anos, a cantante vén de estrear o seu segundo tema de composición propia e cos que quere alzar a voz fronte a prexuízos de todo tipo.
A paixón de Sara pola música vén desde a súa infancia, onde nas fotografías xa aparecía cun micrófono na man. “Na miña familia sempre lles gustou moito a música, tanto a meu pai como a miña nai”, recoñece. Co paso dos anos, foi medrando e alimentando a súa vocación. Empezou a tocar o piano con cinco e aos doce xa compoñía as súas propias cancións. “Era moi tímida e era unha forma de desafogarme, de contar o que pasaba na miña vida”, reflexiona a bueuesa.
Agora, tras rematar a carreira de Musicoloxía en Oviedo, vén de iniciar unha nova etapa máis profesionalizada baixo o nome de “Alise” e co lanzamento de dous temas. Unha das persoas que tivo moito que ver con esta decisión foi Juan Antepazo, vocalista do grupo Astarot. “Axudoume a producir as cancións e introduciume para saber onde tiña que subilas”, recorda Vázquez.
Composicións propias e en diversos estilos
Compoñer converteuse para Sara nunha “vía de desafogo” e non deixa de facelo. “Compoño moito pero son moi autoesixente, tenme que gustar moito o tema para subilo”, aclara. Aínda así, logrou publicar dúas das súas composicións propias: “Valentes” e “Moratones”.
A primeira delas é un canto absoluto á liberdade e contra o síndrome do impostor. “Tendo moito a autosabotearme, compuxen Valentes un día que tiña moita rabia dentro porque sentía que nunca podería chegar a ser feliz se seguía facendo iso”, confesa. Así, resultou unha canción que anima a “ser consciente dos logros que estás conseguindo” e a loitar polos soños.
No caso de “Moratones”, que compuxo con catorce anos e que se inspira na percepción da muller nunha relación que sofre violencia machista, admite que o feminismo tivo moito que ver. “Pensei que as cancións non tiñan que ir só sobre a miña propia experiencia, senón que tiña que falar de cousas que pasaban na sociedade”, explica.
“pOR QUE VOU TER VERGOÑA DE COMPOÑER NA MIÑA LINGUA? dEBERÍA ESTAR ORGULLOSA”
Outros dos prexuízos contra os que loita coa súa música son os lingüísticos. “Polos prexuízos dábame moita vergoña escribir en galego e o grupo que me fixo cambiar ese pensamento foi Tanxugueiras. Dixen: por que vou ter vergoña de compoñer na miña lingua? Debería estar orgullosa”, confesa Sara. Precisamente, o seu último lanzamento está composto en galego e ten moitos máis pendentes de saída.
Recentemente, Alise participou no programa da TVG “Bamboleo“, presentado por Xosé Manuel Piñeiro. Fíxoo como artista galega e despois dunha primeira experiencia televisiva en “Quen canta aquí?”, onde resultou favorita da semana. Os plans de futuro máis próximos para esta música bueuesa pasan pola gravación do videoclip oficial de “Valentes”, que avanza que será en lugares da vila, así como pola publicación dun EP coas tres versións dese tema. “Tamén teño previsto sacar un disco, pero máis a longo prazo”, asegura Vázquez, que compaxina os seus estudos coa súa paixón, a música.