Bueu celebrará esta semana as festas do San Martiño con propostas culturais e deportivas para todas as idades durante catro días. Desde verbenas, concertos, xogos, carreiras ou magosto ata a estrea do primeiro Torneo de Fútbol San Martiño, que enfrontará ao C.D Bueu e á Cultural Deportiva Beluso, ou o Festival de Corais.
As actividades, que están organizadas polo Concello coa colaboración de diversos colectivos, comezarán o xoves 10. Ese día o protagonista será o teatro da man do programa “Tornar ás táboas” da Deputación e que trae á vila a obra “Un home con lentes de pasta”, da compañía Redrum Teatro. Esta comedia, que recibiu múltiples premios, será representada ás 20.30 horas no Centro Social do Mar.
![](https://xornaldebueu.com/wp-content/uploads/2022/11/IMG_1123-1024x768.jpg)
Venres 11, festivo local: oficios relixiosos, xogos e encontro deportivo
O venres, día do patrón e festivo local, comezará cos oficios relixiosos nos que colabora a Asociación Bueu en Festas e a Parroquia. A misa solemne será ás 12.00 horas e estará cantada pola Coral Marusía. Antes diso, a Charanga Os Imperiais animará as rúas e o adro. Como xa vén sendo habitual, o adro pequeno acollerá desde ese día e ata o domingo unha exposición de fotografías antigas realizada pola Asociación Santos Reis. Ademais, haberá xogos tradicionais e inchables na carpa de As Lagoas, de 11.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 18.30 horas.
Pola tarde chegará a primeira dose de deporte destas festas co partido entre o Club Deportivo Bueu e a Cultural Deportiva Beluso e que será no campo municipal da Graña a partir das 19.00 horas. Este Torneo San Martiño permitirá que os dous equipos enfrontarse, algo que non sucede desde hai anos ao xogar en categorías diferentes. A xornada rematará coa verbena a cargo da Orquesta Trébol na carpa desde as 20.00 horas.
Sábado 12: magosto e concertos para a mocidade
A xornada volverá comezar cos oficios relixiosos na honra de San Roque e que contarán coa música de Manxadoira no exterior da igrexa e coa Coral Polifónica Bueu durante o acto litúrxico. Ademais, volverá haber xogos tradicionais pola mañá e Charanga Noroeste será a encargada de animar o ambiente.
![](https://xornaldebueu.com/wp-content/uploads/2022/11/anpas-magosto-1024x768.jpg)
Pola tarde, ademais dos xogos e inchables, terá lugar o tradicional magosto organizado coas Anpas de Bueu, Beluso e Cela e no que haberá castañas de balde. Xa chegada a noite, será a quenda dos concertos para a mocidade na carpa das Lagoas. Comezarán cos ritmos urbanos de Berto, un dos artistas máis actuais do panorama musical galego, e seguirán coa festa rachada de Festicultores Troupe, que prometen facer bailar a todos os asistentes. A noite rematará con Xabi Dj, habitual en sesións do proxecto de La Duendeneta.
Domingo 13: regreso da Carreira San Martiño e corais
O derradeiro día acollerá a XXV Carreira San Martiño, organizada pola Concellaría de Deportes e o Club Corredoiras, e que encherá a rúa Montero Ríos coas carreiras de diversas categorías.
Pola tarde regresarán os xogos tradicionais e inchables na carpa de 16.30 a 18.30 horas. Precisamente, a esa hora dará comezo o Concerto de Corais Festas de San Martiño no que participarán a Coral Polifónica de Bueu, Coral Marusía, Coral Polifónica de Beluso e Coro de Cela. As festas rematarán coa verbena do grupo Distrito 7 na carpa de As Lagoas desde as 20.00 horas.