InicioPOLÍTICA"Cando me comprometo a conseguir algo para Bueu, tardaremos máis ou menos,...

“Cando me comprometo a conseguir algo para Bueu, tardaremos máis ou menos, pero finalmente se logrará”

Publicado o

A uns meses de cumprir dezaseis anos como alcalde de Bueu e ao fronte do goberno local, Félix Juncal analiza os proxectos e a actualidade política deste último mandato. Desde a inauguración da piscina municipal ata a aprobación da Relación de Postos de Traballo, coa mirada posta tamén nos vindeiros meses e na súa decisión de optar ao ser o candidato do BNG nos comicios de maio de 2023.

Que balance fai destes últimos tres anos de mandato? Como os definiría?

O balance é satisfactorio e positivo, tendo en conta que é unha etapa marcada por situacións complexas como foi a pandemia da covid e como está sendo o contexto da crise a nivel mundial enerxética e económica. A tramitación a día de hoxe é complicada, os procedementos administrativos e a xestión municipal son máis lentos do que eran fai uns anos. Durante eses dous primeiros anos, a actividade municipal veuse altamente condicionada por ter que facer fronte á crise da pandemia. O balance final resultará satisfactorio para o que nós entendemos que é un modelo de vila no que vimos traballando desde fai quince anos e que nos ten enganchados, é como unha adición e será sempre esa razón de ser. 

O alcalde, Félix Juncal, no seu despacho da Casa Consistorial trala entrevista.

Asumiu, ademais da Alcaldía, a área de Obras e Servizos. Como foi a experiencia?

É moi gratificante. Puiden recuperar con maior intensidade o contacto máis directo e incluso fóra do despacho, máis alá dos días de audiencia que teño nas parroquias desde fai 16 anos e das visitas. Poder estar diariamente pendente do que pasa, incluso a micro escala, é moi gratificante. Obviamente hai cuestións que se poden solucionar de forma máis áxil e inmediata, outras que requiren unha planificación e outras que precisan un proceso de análise e de valoración. Os tempos cambiaron, o concello medrou nos últimos anos de xeito exponencial nos servizos públicos municipais e nas áreas que hai que atender e iso non se veu recoñecido cun incremento dos recursos municipais. Bueu segue sendo un concello cun orzamento pequeno para o que somos a día de hoxe, temos menos persoal nas brigadas de obras e servizos e nas oficinas que fai quince anos. A pesar de todo iso, faise moitísimo traballo, moito máis do que moitas persoas se imaxinan ou queren recoñecer. 

Este ano conseguiron o distintivo Bandeira Azul para a praia da Banda do Río despois de anos de traballo para a recuperación deste areal urbano. Como recibiron a nova? Estudan amplialo a outras zonas, como a recuperación de Pescadoira, que é tamén unha demanda histórica da veciñanza? 

Cando chegamos ao goberno no 2007, Bueu perdera todas as bandeiras azuis por unhas políticas desastrosas do goberno anterior que conduciron a que Bueu estivese nun escenario de absoluto caos e desatención. Sempre manifestamos que era importante recuperar eses distintivos como concello con vocación turística. Progresivamente fomos recuperándoos, primeiro as tres praias que tiñan o distintivo: Portomaior, Agrelo e Lagos.

Entendiamos que tampouco para nós suporía unha obsesión conseguir máis bandeiras azuis, porque supón cartos que ten que aportar o Concello para ter servizos como o de socorrismo. Traballamos con ese horizonte incerto de poder conseguir que se desen as condicións para que a Banda do Río puidese optar ao distintivo, porque é a praia urbana por excelencia, sen desprazar ao resto como Pescadoira ou Loreiro, con problemas tamén de contaminación das augas nos que traballamos para erradicalos. Este ano practicamente non tivemos ningún tipo de incidencia. Estamos diante da confirmación de que todos os areais de Bueu reúnen as condicións óptimas para garantir á poboación que poden utilizalos sen medo a contaminarse. Recordarei sempre, que desde o 2007 e incluso antes, recuperar o areal da Banda do Río era para moita xente, algunha que xa non está entre nós pero si no recordo, unha utopía. Os que exercemos a política temos que ser capaces de traballar para que esas utopías de vez en cando poidan materializarse e realizarse. 

“Podo garantir que Bueu será capaz de licitar o servizo completo da piscina municipal”

Outro dos proxectos que marcou este mandato foi a inauguración da piscina municipal. Cando será a súa licitación? Como afronta as críticas desde a oposición sobre a súa xestión actual?

As críticas da oposición pasaron de ter unha actitude negacionista, de negar a necesidade de que Bueu tivese unha piscina. Hai unhas declaracións antes de anunciar que Bueu tería piscina, onde o PP xa manifestaba que era  “outra das promesas do alcalde”. A piscina sempre supuxo para nós un gran obxectivo e desde 1995 formou parte do programa electoral do BNG e, directa ou indirectamente, de todos os grupos políticos con presenza na corporación. Nunca entendín como PP e PSOE negaron a posibilidade que Bueu conseguiría tela. A día de hoxe, o PP aínda non foi quen de dicir porque apoiou economicamente todas as piscinas da comarca menos a de Bueu. 

Desde o 2015, co cambio de goberno na Deputación e a través do Plan de Requilibrio, permitiuse falar da viabilidade financeira da piscina que se completou co Plan Concellos. Pasaron desa posición na que negaban a posibilidade e a viabilidade e criticaron posteriormente a localización, cando foi un acordo aprobado unanimemente polo pleno no 2006 cando Elena Estévez era alcaldesa. Non nos sorprenden que nestes momentos estean criticando tamén o modelo de xestión.

Asistimos a un contexto de crise e incremento dos custos que dificulta pechar os documentos preparatorios para poñer en marcha os procedementos administrativos. Podo garantir a día de hoxe, e como fixen antes de poder anunciar que Bueu tería piscina, que Bueu será capaz de licitar o servizo completo desa instalación deportiva e de saúde. A día de hoxe a piscina está funcionando e ofrecendo cada vez máis servizos, pero o potencial é enorme e se demostrará cando consigamos completar todo este traballo preparatorio que espero que sexa nas próximas semanas.

Félix Juncal durante a súa intervención na inauguración do Estaleiro de Purro, o pasado mes de agosto.

Falaba antes de converter utopías en realidade. Outra das accións que marcou o verán foi a inauguración do estaleiro de Purro, un proxecto que contou con detractores ao seu comezo. Que balance final fai da actuación?

En ocasións, con determinados logros como a piscina ou o estaleiro de Purro, pode existir un debate da sociedade sobre o destino deses recursos e se foron decisións adecuadas ou no, unhas actuacións que nós entendemos que son vitais para Bueu e para a súa xente. Foron dúas actuacións complicadas cuxo anuncio xerou na oposición política e nunha parte da sociedade pavor ou pánico. A día de hoxe hai unha opinión moi maioritaria a favor de cada unha delas. Eran dous deses denominados como “quistes” que había que extirpar. A piscina era necesaria pola calidade da vida e o estaleiro porque non se era capaz de resolver con certo conflito social, con persoas que querían arrasar con todo e outras que vían imprescindible conservar esa parte da nosa identidade. 

O  Concello conseguiu unha concesión administrativa dun espazo dominio de Costas e no que nin Costas do Estado nin tampouco a Xunta, a través de Patrimonio nin da Consellería de Cultura, aportaron nin un só euro para o seu financiamento. O Concello deu garantías de apostar financeiramente. Todo o demais obedece a outro tipo de intereses máis alá do respecto que teño polas persoas que poidan estar máis ou menos de acordo pola resultante final. Non entendo que os grupos políticos da corporación que estaban dispostos a exterminar, por dicir así, esa parte do noso patrimonio cultural e marítimo, critiquen a resultante final. Máis alá dun ben catalogado que ten un enorme valor, as condicións de deterioro nas que estaba facían inviable, tal e como expresou o técnico municipal, a conservación tal e como estaba nese momento. En todo caso, non se trata da opinión que tivera o alcalde nin o arquitecto municipal, a actuación tal e como está executada foi avalada polos informes dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio. Fíxose con todos os controis e garantías desde o punto de vista do patrimonio.

“Creo que somos o único do Concello da comarca que non subiu impostos nestes anos”

Outra das cuestións nas que máis se insiste desde o Concello é na falta de persoal e da sobrecarga do actual. Lograron aprobar a RPT, outra das grandes actuacións criticadas pola oposición e con alegacións. Como o afrontan?

Fai tres anos poucas persoas crían que puidésemos conseguir que as condicións permitisen, desde o punto de vista económico, poder contar cunha RPT consensuada co persoal municipal a través da súa representación. Canto máis críticas verta a oposición sobre un asunto como este, máis seguridade temos de que foi unha decisión moi importante para o concello, non para o goberno. 

Demostrouse que a RPT xa se está aplicando, os efectos económicos xa se están aplicando nas nóminas do persoal municipal e Bueu, un ano máis, e desde o ano 2015, non procedeu a subir os impostos nin tan sequera á actualización do IPC. O traballo de todos estes anos centrouse en poder facer posible todas estas políticas e logros sen incrementar esa presión fiscal. Creo que somos a única administración e case me atrevería a dicir que o único concello da comarca que non subiu os impostos en todos estes anos. A xente ten o deber de coñecelo e ser conscientes.

O rexedor, Félix Juncal, no despacho da Alcaldía.

En que estado se atopa o proxecto de humanización do centro de Beluso? Seguirá apostando por este tipo de iniciativas que dan máis espazo aos viandantes, como ocorre na rúa A Pedra? En que outros lugares?

Absolutamente. Estamos falando dunhas actuacións que se enmarcan dentro do Plan de Mobilidade Sustentable (PMUS) que elaborou o Concello nestes últimos anos. Son as políticas que a día de hoxe protagonizan as nosas accións. A actuación do centro de Beluso suporá o deseño, desde o punto de vista urbano, do Beluso do futuro máis inmediato. Está a punto de concluír a parte máis conceptual de deseño e espero que dentro de moi poucas semanas poidamos xa contar cun documento máis ou menos definitivo, a expensas das correccións que poida haber. 

Ademais desta actuación tan ambiciosa, haberá outras  fases posteriores noutras zonas da parroquia. Beluso ten unha identidade urbana moi importante desde o punto de vista social e económico. Tamén ten que ver con ese pequeno solo urbanizable que temos fronte á Casa do Pobo e que agardo que en novembro quede asinado entre as dúas partes. Unha vez teñamos eses terreos, levaremos a cabo unha actuación de pavimentación do actual aparcadoiro para que siga tendo ese uso, mentres non se desenvolva esa pequena actuación de urbanización. Suporá que co vial de nova apertura quede unha zona peonalizada en torno á Casa do Pobo, se poidan construír novos edificios pero tamén que unha parte estea destinada á vivenda de protección oficial, que vai ser outro dos elementos cara o futuro que queremos desenvolver.

“Cando me comprometo a conseguir algo para bueu, tardaremos máis ou menos, pero finalmente se logrará”

No pleno de xuño presentaron unha moción, que foi aprobada, na que se amosaba o rexeitamento ao convenio de Portos sobre a pesca recreativa. Tras isto, mantivo unha reunión coa presidenta do ente. Estase máis cerca de ampliar as zonas? Outro dos puntos que recollía a moción instaba a asumir as obrigas de mantemento nos espazos. Sucedeu?

A situación está practicamente igual que nese momento. A pesar das intencións que se manifestaron, da disposición do Concello se cambiaban os termos dese borrador de convenio dentro das nosas posibilidades e capacidades para asumir un certo control e vixilancia das zonas portuarias. Pero si que é certo que non podemos asumir un compromiso e unhas obrigas que non estou en condicións de cumprir nin debo aceptalas. Non son competencias propias nin do Concello nin da Policía Local e falamos dun espazo portuario no que o Concello para calquera acción ten que pedir as autorizacións e aboar as taxas correspondentes. Acabamos de comprobar como Portos só ten un afán xa non só recadador senón que case me atrevo a dicir confiscatorio. Durante trinta anos o Concello dispuxo dun espazo na Banda do Río que pechaba durante o verán para gozar de espazos seguros e que as terrazas tiveran máis espazo. Portos empeza a esixirnos que temos que regularizar esa situación porque careciamos de autorización. Era certo, nunca se tramitaba como non se tramitou desde a orixe. A min non se me escapaba que detrás había un interese recadador como este ano se manifestou. Portos obrigounos a aboar por tres meses máis de dez mil euros. Desde 2006 non existe ningún convenio entre as dúas entidades do acondicionamento dos paseos marítimos tanto en Pescadoira como nos Xardíns María Eugenia. Expirou e se Portos é o titular deses espazos e instalacións e cobra por utilizalos, aínda que sexa para actividades públicas, a súa obriga é facerse cargo, dunha forma ou outra. Se temos que estudiar outro tipo de alternativas para conseguir que Portos asuma as súas responsabilidades, así o faremos. 

Que retos e proxectos quedan por vir nos últimos meses? 

Estamos abordando xa desde o punto de vista técnico a confección de propostas e proxectos que van a protagonizar, con total seguridade, ese Bueu do futuro e ese novo impulso que eu quero protagonizar nos próximos anos como alcalde. Vai haber un elenco de proxectos e actuacións das que vimos falando e que nas próximas semanas iremos presentando e que creo que van a trasladar á opinión pública que ese proceso de transformación que iniciamos nun concello non se pode frear nunca. Todos estes anos de experiencia de consecución de proxectos, como a piscina ou a carpintaría de ribeira, son a demostración máis evidente de que cando me comprometo a conseguir algo para Bueu, tardaremos máis ou menos, pero finalmente se conseguirá. Xa esquecemos cando aínda tiñamos que peregrinar a outros concellos para ter un servizo de tanatorio, por poñer un exemplo. Viamos como outros concellos sempre nos levaban a dianteira e creo que a día de hoxe Bueu está á altura de calquera outro concello, sempre dentro das nosas posibilidades.

“AS MIÑAS CAPACIDADES NON SE VIRON AFECTADAS, NIN AS GANAS E ILUSIÓN POR SEGUIR TRABALLANDO POR BUEU”

Cando remate a lexislatura, fará 16 anos ao fronte do goberno de Bueu. En xuño anunciou que optaría a ser o candidato do BNG nas vindeiras eleccións. Que o motivou a tomar esa decisión? Como se sente e como pensa que o percibe a veciñanza?

Proximamente o BNG levará a cabo ese proceso interno e, tal e como manifestei ese día, ofrecereime á militancia nun proceso aberto. Contei coa opinión de moitas persoas militantes e non militantes, tamén desde xuño ata agora e continuarei despois nese proceso asemblear onde militancia decidirá soberanamente o que considere. A día de hoxe, as miñas capacidades nin se viron afectadas nos últimos anos nin son menores, nin tampouco as ganas e a ilusión por seguir traballando por Bueu. Máis ben todo o contrario. Teño experiencia suficiente para poder garantir que esta etapa de crecemento sexa unha etapa continua. Chegamos no 2007, Bueu tiña unha débeda financeira de cerca de dous millóns de euros, no 2012 houbo que concertar unha operación de crédito para esas facturas que había pendentes. Bueu tiña no horizonte amortizar a súa débeda financeira a finais de 2022. A principios de 2020 Bueu cancelou a súa débeda. Podo garantir e comprométome a que esta etapa de crecemento sexa sostible e que se manteña no tempo. A xente coñece a forma de xestionar o concello, non significa que non haxa problemas e cousas que mellorar. Temos que pensar moi ben o modelo de funcionamento de determinados servizos, que somos sabedores que non están funcionando da mellor forma posible, e que a súa razón ten que ver con que hai que introducir reformas estruturais no seu funcionamento, pero ten que ir acompañado dun crecemento a nivel de recursos económicos, senón é inviable. 

Juncal durante o acto no que anunciou que optaría a ser o candidato do BNG nas vindeiras eleccións, acompañado de Ana Pontón.

É este o primeiro mandato no que non acadou a maioría absoluta e tivo que gobernar co apoio de ACB. Como foi o cambio para esta experiencia? Que mudou?

Hai un cambio moi importante sobre como algún pensaba ao principio que puidese funcionar ese goberno en coalición. Estamos completando este mandato e, cada día que pasa, o goberno está máis cohesionado con absoluta confianza e transparencia entre nós, consensuando practicamente todo o que ten que ver coa acción do goberno, respectando a identidade de cada grupo, pero sempre coa absoluta confianza e lealdade. Quero recoñecer publicamente tamén a Xulio Villanueva pola aportación durante estes anos para que este goberno transmitise esa imaxe de cohesión e de fortaleza, que é moi importante e había algunhas persoas que non tiñan depositadas moitas confianzas. 

“o denominador común é o compromiso, a ambición e a ilusión”

Que grandes retos poderían marcar a súa futura candidatura? 

Basicamente, cada candidatura e cada equipo obedece a unhas circunstancias que van cambiando. Tanto a candidatura como o equipo co que se concorra ás próximas eleccións é para unhas circunstancias diferentes. Será con ese mesmo denominador común que é o compromiso, a ambición e a ilusión por facer as cousas. É un denominador común que temos que conseguir plasmar primeiro na candidatura e no compromiso e programa electoral que ofrezamos de novo á cidadanía, que recollerá a testemuña dos proxectos dos que vimos falando e dos que falaremos nas próximas semanas e meses. Cada un terá singularidade propia e introduciremos novidades finais. Boa parte de todos eses proxectos son nos que estamos traballando nestes anos. Todo o que ten que ver con políticas de mobilidade e medioambientais serán un dos obxectivos preferentes.

ÚLTIMAS

O BNG demandará no Parlamento galego que a Xunta “se faga cargo” da renovación de Pazos Fontenla

A líder do Bloque, Ana Pontón, visitou onte Bueu para coñecer a situación das...

Cela recupera a Festa da Xuventude

A Asociación Xuventude de Cela vén de presentarse publicamente na súa vontade de recuperar...

Unha alfombra floral para reivindicar a paz

Bueu sumouse este Domingo de Ramos á petición global de paz lanzada por Infioritalia....

Meiro prepara o Encontro do Millo Corvo cunha programación “moi diversa”

Meiro acollerá do 14 ao 16 de abril a súa festa gastronómica por excelencia,...