Converter en arte aquilo que o mar devolve. Ese é o obxectivo do obradoiro de “artivismo” no que cincuenta escolares de 6º de primaria do CEIP A Pedra participaron este luns e mércores. A actividade organízase entre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, da que forma parte o Concello de Bueu, e a Fundación Vicente Ferrer.
![](http://xornaldebueu.com/wp-content/uploads/2022/10/a72ffe_d4ed7a1c838943dca05325646557e14a_mv2.webp)
A cativada comezou a actividade o luns, cando se trasladaron á praia da Banda do Río para retirar aqueles refugallos, restos de diferentes obxectos, que acaban no mar e, tras isto, nos areais. Despois tivo lugar a limpeza e seca dos plásticos na Sala Amalia Domínguez Búa. Onte foi a quenda da creación artística e o alumnado regresou á sala para realizar diversas obras de arte.
![](http://xornaldebueu.com/wp-content/uploads/2022/10/a72ffe_6f3b22da7fd4443dac65bbfa7ea19f25_mv2-1.webp)
Desde o Concello sinalan que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por “unha sólida rede de administracións locais comprometidas cos Dereitos Humanos e coa erradicación das desigualdades a nivel global”. Por exemplo, o Fondo vén de apoiar na India un proxecto de vivenda para familias vulnerables, liderado pola Fundación Vicente Ferrer, e que tamén está vencellado coa xestión de residuos.