A activista salvadoreña Verónica Salazar, coñecida como “Bea”, chegou este martes á vila para narrar e reflexionar sobre a súa experiencia como activista e defensora dos dereitos humanos no seu país. A visita, que se organizou dentro do proxecto “Defensoras dos dereitos”, incluíu un encontro con escolares de secundaria, unha reunión cos membros do goberno local e un coloquio con público no Centro Social do Mar.
A visita de Verónica Salazar enmárcase dentro dos esforzos que están facendo as ONGD galegas para dar a coñecer a realidade que viven as mulleres defensoras dos dereitos humanos en diversos países, onde as organizacións e as activistas están perseguidas e sufrindo ameazas.
A xornada comezou cun econtro con escolares de secundaria. Tras isto, tivo lugar un recibimento na Casa do Concello por parte do alcalde, Félix Juncal, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero e o edil de Patrimonio, Alberto Moital. Alí, Bea explicoulles o seu traballo a prol da protección dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e nenas así como a defensa da cultura da paz.
Pola tarde, o Centro Social do Mar acolleu un encontro aberto ao público, organizado co apoio da Libraría Miranda e onde Bea narrou a súa propia experiencia traballando para organizacións feministas en casos de asasinatos machistas e de violencia contra as mulleres, así como na defensa do dereito ao aborto. Todo isto está plasmado tamén no libro “Á procura da luz”, que escribiu Lara Dopazo e ilustrado por Marta Conde e Rotminas.
Esta experiencia forma parte dunha xira de encontros pola provincia impulsada pola Coordinadora Galega de ONG, Agareso e a Deputación de Pontevedra.